A oferta gastronómica de Lugo amplíase coa apertura do restaurante Alberto.2

O vindeiro mércores iniciará a súa andaina na céntrica Rúa da Cruz o novo proxecto dos irmáns Alberto e Koki García
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera Alberto y Koki García, ante su nuevo restaurante. SEBAS SENANDE

A oferta gastronómica da capital lucense amplíase con a apertura o vindeiro mércores do novo restaurante Alberto.2 na céntrica Rúa da Cruz, cos irmáns García, Alberto e Koki, á fronte.

Alberto García indicaba que este novo establecemento, que aposta por produtos de quilómetro 0, ofrecerá "cociña tradicional galega actualizada".

"O concepto do restaurante é unha homenaxe a Galicia. Un restaurante actual e fresco no que priman os produtos galegos de primeira calidade", afirmaba Alberto García, que engadía que na adega "tamén predominan os viños galegos". 

Este emprendedor lucense explicaba que o seu irmán, Koki García, inspirouse "no recetario tradicional galego" para elaborar a carta

O restaurante, que xa ten encargos, está situado no mesmo inmoble que ocupou o antigo Mesón de Alberto no número 4 da Rúa da Cruz. Contará con tapería na planta baixa,  restaurante e salóns privados na primeira e na segunda planta e zonas de servizo no terceiro piso. 

O novo proxecto de Alberto e Koki García apostará pola comida tradicional galega actualizada

Este é un novo proxecto dos irmáns García, que antes formaron parte do Mesón de Alberto, que dirixiron os seus pais. Este histórico restaurante pechou definitivamente as súas portas fai máis de dez meses, o pasado 6 de xaneiro, Día de Reis, tras prestar servizo durante 45 anos.

Este non é o único proxecto no que están embarcados estes dous emprendedores. Alberto e Koki García contan tamén coa empresa de cátering Eventos Alberto.2, que ten ocupados con banquetes todas as fins de semana entre os meses de marzo e outubro do próximo ano no viveirense Pazo da Trave.

Alberto.2, que tamén ofrecerá servizo a domicilio, bota a andar con vistas a unha das principais campañas do ano para a restauración, o Nadal. Así, segundo explican os seus socios, para os días de Noiteboa e Fin de Ano elaborarán "unha carta especial para o servizo a domicilio".

Máis de dúas décadas entre fogóns
A cociña deste novo restaurante da céntrica Rúa da Cruz da capital lucense estará dirixida por Koki García e a sala polo seu irmán, Alberto. 

Os dous levan máis de dúas décadas no mundo da restauración. Antes Alberto cursou a titulación de Ade e dous máster de xestión de empresas e Koki, tras estudar cociña, traballou en coñecidos restaurantes de España e México, como o de Pedro Subijana en San Sebastián.

De caste vénlle ao galgo. Estes dous emprendedores criáronse entre fogóns. Os seus pais, Alberto García e Flor Fernández, que recibían hai dous anos o Premio Nacional de Hostalería, dedicáronse toda a vida a este sector.