A ocupación hostaleira no centro de Lugo rozou o 88 % o sábado de Arde Lucus

O sector opina que os datos achega "esperanza na recuperación"
Jornada de Arde Lucus. SEBAS SENANDE
photo_camera Romanos polas rúas de Lugo este fin de semana. SEBAS SENANDE

A pesar das restricións provocadas pola pandemia e do tempo inestable durante todo o fin de semana, a hostalería lucense fai unha valoración "optimista" do resultado desta edición -o número vinte- do Arde Lucus, a festa de Interese Turístico Nacional que evoca o pasado romano da cidade. 

De feito, segundo os datos facilitados pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL), a ocupación nos hoteis do centro da cidade chegou ao 72% da capacidade dos establecementos o venres e alcanzou o 87,5% o sábado -19 de xuño-. 

Esa porcentaxe de ocupación foi menor nos establecementos máis afastados do centro histórico da cidade, onde se celebran os actos principais do Arde Lucus, pero aínda así chegou ao 55% o venres e ao 58,6% o sábado. 

O presidente da APEHL e de Hostalería de Galicia, Cheché Real, fixo unha valoración optimista" destes resultados, tendo en conta de que "a afluencia de visitantes, aos actos e aos establecementos de hostalería, non foi a mesma que nun ano normal". 

Aínda así, opina que achegan "esperanza na recuperación". 

Confía en que, aos poucos, "sígase avanzando no proceso de desescalada" e opina que o feito de non ter que levar a máscara en lugares abertos -a partir do 26 de xuño- será "psicoloxicamente positivo" para todos e, consecuentemente, para a actividade do comercio e a hostalería. 

Comentarios