domingo. 27.09.2020 |
El tiempo
domingo. 27.09.2020
El tiempo

A ocupación hostaleira cae un 30% en xullo polo coronavirus

Turistas en Lugo. ARQUIVO
Turistas en Lugo. ARQUIVO
Ribeira Sacra e A Montaña son as comarcas con máis visitantes e A Mariña só chega ao 25%

O Covid-19 modificou os fluxos turísticos de forma substancial, tanto no que se refire á afluencia como nas preferencias. Os datos presentados onte pola Asociación Provincial de Hostalería de Lugo (Apehl) revelan unha caída da ocupación na provincia durante o mes de xullo dun 30% con respecto ao mesmo mes do ano pasado.

As zonas con maior demanda tamén cambiaron este verán, deixando números radicalmente opostos aos de anos previos. Segundo a Apehl, Ribeira Sacra e A Montaña foron as comarcas con máis visitantes. O interese dos turistas pola zona sur da provincia xa se fixeron notar en 2019, cando tamén foi a zona coa ocupación máis alta. Entón, os establecementos encheron ao 93,2%, mentres que en xullo deste ano roldaron o 75%.

O crecemento máis rechamante quizais sexa o da Montaña, que segue unha tendencia completamente oposta á da provincia. En xullo de 2019 a media da ocupación hostaleira na comarca foi do 40% e, no mesmo mes deste ano, foi do 70%. Moi probablemente a elevada demanda do actual verán explícase polo tipo de establecemento que predomina nesa zona e polas preferencias dos turistas nun verán no que prima a seguridade, o mantemento da distancia social e a posibilidade de conectar coa natureza.

A Montaña, cos seus hoteis e casas de turismo rural, é unha zona ideal para pasar uns días en familia ou pequenos grupos, coa certeza de que non haberá concentracións nin aglomeracións que si poderían darse puntualmente noutros sitios.


A MARIÑA

No outro extremo da táboa atópase A Mariña, que este verán sufriu un auténtico esborralle da ocupación, froito do confinamento parcial debido ao rebrote de Burela. En xullo chegou só ao 24,9%, mentres que no mesmo período do ano pasado roldou o 85%.

A comarca viuse afectada as medidas impostas por Sanidade, que afectaron precisamente aos concellos costeiros que son os máis turísticos. Incluso cando se empezaron a relaxar as medidas moitos visitantes seguiron tendo reticencias a acudir á zona.

Por outra banda a ocupación en Lugo centro chegou ao 42,7% en xullo, mentres que a de Terrá Chá foi do 42%. A baixada con respecto ao ano pasado é substancial, xa que entón foi do 85% e 66%, respectivamente, segundo os datos que a Apehl fixo públicos onte e que se verán completados en breve cos que ofrece a Xunta.

A ocupación hostaleira cae un 30% en xullo polo coronavirus
comentarios