O lecer nocturno de Lugo baralla pechar e na Mariña aumentan as protestas

 Hostaleiros cren que a esixencia do certificado covid é un grave hándicap para o sector
Terrazas en Viveiro. J.M.PALEO
photo_camera Terrazas en Viveiro. J.M.PALEO

O sector do lecer nocturno en Lugo afirma que as novas medidas implantadas para tratar de frear a expansión da pandemia de covid-19 tiveron unha repercusión moi negativa neste primeiro fin de semana sobre o seu negocio, tanto no relativo á afluencia de xente como en facturación, polo que non descartan volver pechar os seus locais. En A Mariña, a comarca máis afectada polas restricións na hostalería, tamén se avivan as protestas.

Juan Agra, portavoz do sector na Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) e propietario de dous locais de hostalería no centro histórico da cidade, dixo que o pasado fin de semana foi "bastante horrible".

De feito, precisou que, xusto o primeiro fin de semana no que se esixía para entrar o certificado de vacinación, unha proba diagnóstica negativa ou un documento que acreditase pasar o coronavirus, "foi un fracaso absoluto en canto a xente e a facturación".

Segundo os seus cálculos, cos locais practicamente baleiros, "non se chegou ao 30% da facturación rexistrada nos fins de semana anteriores". Ademais, recoñeceu que mentres a situación non cambie, "as cousas non teñen pinta de que vaian mellorar".

Outros hostaleiros da noite lucense recoñeceron que, con esta situación, están a exporse a posibilidade de volver pechar os seus negocios.

A MARIÑA. A situación non está tampouco tranquila na comarca da Mariña, coas súas principais localidades turísticas nunha situación complicada que fai temer ao sector turístico e hostaleiro polo seu futuro.

En Ribadeo a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos (Acisa) pronunciouse este luns sobre o que foi o primeiro fin de semana na nova situación e o seu presidente, Francisco Iriarte, fixo un chamamento directo "aos nosos veciños, especialmente de Asturias" a continuar acudindo a Ribadeo porque "a hostalería segue aberta, pódese vir a Ribadeo a comer, a cear, a tomar viños, así como a aloxarse aos nosos hoteis. É certo que estamos nun momento de restricións, pero esas medidas non impiden entrar en bares e restaurantes, pon condicións, iso si, pero todo o sector está aberto e traballando".

Iriarte incidiu en que Ribadeo é "un lugar seguro" no que se cumpren todas as medidas de seguridade e prevención" e recordou que a pesar do que se está dicindo "aquí estamos a sufrir a mesma situación que no resto do país, e ata agora somos os que menos incidencia temos na zona". Por iso fixo unha chamada á calma" aínda recoñecendo que "temos que cumprir as normas para baixar a incidencia, debemos ser responsables para volver obter as liberdades que tiñamos, pero insisto en que estamos mellor situación que outros concellos".

E a iso quixo engadir unha petición máis dirixida neste caso á Xunta de Galicia e que considera importante: "Está a calcularse a incidencia sobre os habitantes habituais en lugar de sobre o dobre de poboación que se ten no verán, algo que a Xunta debería reconsiderar".

INCIDENCIA. O xerente de Acisa, Jesús Pérez Prada, falou directamente de como viviu o sector da hostalería a pasada fin de semana e non puxo panos quentes, xa que cualificou a situación de "desoladora" por culpa "dunhas medidas nefastas", a pesar de que a Xunta di que as pediron os propios hostaleiros para que non lles pechasen.

Asegura que fixeron unha avaliación de perdas e estas sitúanse "só no sábado e domingo entre o 50 e o 85% na hostalería, e iso sendo o fin de semana do Apóstolo" e pregúntase "que podemos esperar no que vén de semana. Os hoteis están a avisarnos das cancelacións que están a rexistrar, por iso desde Acisa seguimos denunciando que estamos ante un peche encuberto da hostalería, para así non ter que dar axudas".

Pérez Prada insistiu nunha tese que expuxo xa a semana pasada, indicando que se están tomando decisións desde un despacho "e iso é moi fácil. Estas non son decisións sanitarias, se non políticas e económicas. O problema é cando esas decisións chegan á rúa. Os hostaleiros transmitíronnos os innumerables problemas que tiveron estes días: non puideron admitir a clientes habituais por non contar con algún dos certificados que se esixen, encontróns moi desagradables con insultos e ameazas. Vimos como un bar nun día fixo 100 euros de caixa cando tería que facer 1.000. E é que os hostaleiros non son policías para pedir documentación".

Comentarios