Oca hoteis prevé inaugurar un establecemento en Lugo en 2021

A cadea galega abrirá ata seis novos aloxamentos coincidindo co ano xacobeo
Ramón Braña. EP
photo_camera Ramón Braña. EP

A cadea hostaleira galega Oca prevé inaugurar seis novos establecementos en 2021, coincidindo coa celebración dun ano xacobeo, sinala a empresa nun comunicado no que avoga pola sustentabilidade e mostra un compromiso de investimento a pesar da pandemia de coronavirus.

A cadea apunta que o próximo ano disporá dun total de vinte hoteis no Camiño de Santiago e subliña o seu compromiso en acoller un "turismo sostible" coa construción de edificios "eficientes e respectuosos co medio ambiente". 

Entre os novos proxectos teñen previsto abrir o hotel OCA Burgos Centro a principios de xullo, xunto con Duerming Casa de Barreira en Triacastela, ao que se sumarán en 2021: un na cidade de Lugo, outro en Ourense, un máis en Palas de Rei e tamén o balneario de Guitiriz.

O director xeral Oca hoteis, Ramón Braña, afirma nunha nota que a pesar da crise do coronavirus, "non é momento de frear, senón de planificar de forma concienzuda onde e como queremos chegar".

Braña apunta de que a crise do coronavirus, a pesar de "enchernos de dúbidas e incerteza", é unha oportunidade para "dar un empuxón á nosa visión do que Galicia ten que achegar nesa nova forma de facer turismo".

O responsable da cadea hostaleira prognostica que os turistas "buscarán viaxes dentro de España" nos que "o contacto con natureza e a actividade física vai ser prioritaria".

Por iso, "o local marcará a forma de viaxar" e "gozar da gastronomía, do campo, do descanso e do lecer ao aire libre formarán parte da axenda do hóspede".

Comentarios