Obituario: Lugo despide este mércores a Balbino Pérez, un namorado de Benquerencia

Xubilado hai moitos anos de RTR, tiña 88 anos de idade. Os seus restos mortais serán levados esta tarde ao cemiterio de San Froilán tras unha misa ás catro e media en Velatorios Lucenses  

Sofren a súa irreparable perda, séntena profundamente, pero todos cantos coñecían a Balbino Pérez Rodríguez terán perenne no recordo a súa alegría, a súa vitalidade, a súa proximidade. Un inmenso pesar invadiu onte á súa familia, aos seus amigos e a todos os que tiveron relación con Balbino ao saber da triste noticia, inesperada a pesar de que contaba con 88 anos de idade, pois ata hai unha semana levaba unha vida activa.

Era habitual velo gozar coa súa adorada esposa Manuela do baile no club social do barrio da Residencia os mércores e os domingos, así como da partida de cartas cos seus amigos no mesmo lugar.

Aínda que se xubilou moitos anos atrás en RTR, compañía na que estivo a maior parte da súa vida laboral, Balbino mantivo o seu dinamismo. A súa habilidade coa madeira era recoñecida por cantos puideron apreciar os seus traballos, unha afección que lle deu moitas satisfaccións. Tamén era un namorado da praia e de Benquerencia, onde pasaba encantado os veráns desde facía décadas. Animado e divertido, era habitual escoitalo cantar e asubiar.

Estes marabillosos recordos permanecerán na súa familia, que reciben múltiples mostras de pésame, especialmemte dirixidas á súa apenada esposa, Manuela Rey Rodríguez; aos seus fillos, Balbino, José Manuel e Juan Carlos; ás súas fillas políticas, María del Carmen Rodríguez, Manuela Veiga e María José Carregal, e aos seus netos, Alejandro, Adrián e Juan Carlos. Familia e amigos despídense de Balbino, que deixa neles imperecediera a súa pegada indeleble. 
 

Comentarios