O goberno local quere modificar o PXOM para converter O Garañón en zona verde

Lara Méndez comunicoullo á oposición este venres â?? Con esta solución evita que se volva a edificar no solar

O goberno local non se limitará a derrubar as actuais torres do Garañón, senón que, como adiantou este xornal o pasado mércores, deixará esta emblemática parcela da cidade, á beira das costas do Parque, libre de calquera edificación no futuro.

O plan deseñado polo equipo de Lara Méndez pasa por declarar zona verde os terreos e negociar co propietario ofrecéndolles outros na cidade.

A oposición foi informada este venres pola mañá da solución que baralla o goberno local e ás 12.00 horas a alcaldesa ofreceu unha rolda de prensa para anuncialo publicamente. 

A alcaldesa levará ao pleno ordinario deste mes unha proposta para modificar o PXOM para que reciba a cualificación urbanística de zona verde.

A urbanización do Garañón, nas costas do Parque de Rosalía de Castro, deu lugar a unha das maiores polémicas urbanísticas que viviu a cidade de Lugo nos últimos anos, ata o punto de que esta actuación provocou a apertura dunha causa para investigar a comisión de supostas irregularidades nas que figuran como imputados o exalcalde José López Orozco e o que fora secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro.

Méndez compareceu acompañada polo portavoz do goberno municipal, Miguel Fernández, e do edil de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, para explicar a súa proposta publicamente, logo de expoñerllo previamente aos grupos da oposición na comisión municipal creada especificamente para abordar todo o relacionado co Garañón.

Méndez explicou que aprobar esta modificación do PXOM suporá que, unha vez executada a derriba "total" das dúas torres, non poida levantarse na parcela "ningún outro", dado que será unha zona verde dedicada ao "esparexemento e lecer da cidadanía", co que tamén se conseguirá unha "mellor armonización coa contorna do Parque de Rosalía de Castro e do río Miño".

Recordou, así mesmo, que "unha das tres sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia referentes ao Garañón implica unha nova ordenación urbanística deste sector", ademais de obrigar a buscar esa harmonía coa contorna.

A negociación co propietario
Por outra banda, anunciou que o Concello de Lugo fará todo o posible para minimizar a indemnización que, previsiblemente, a administración local terá que pagarlle ao promotor das torres.

Para iso, abrirá unha "canle de negociación co propietario, que irá encamiñado a compensar os dereitos edificatorios que ten coa cesión doutras parcelas de titularidade municipal".