O xulgado insta á Cámara a aclarar se ten ofertas pola sede de Ramón Ferreiro

A autoridade xudicial foi aprazando a poxa á espera dun comprador. Hai dúas tasacións, unha encargada pola entidade cameral, de 2,5 millóns, e outra de 1,4

O xulgado do Social número 2 de Lugo solicitoulle á directiva da Cámara de Comercio que informe detalladamente se ten ofertas de compra pola antiga sede da avenida Ramón Ferreiro na capital lucense.

Esta solicitude prodúcese por mor de que a directiva cameral presentou nesta instancia xudicial a autorización da Xunta, que é o órgano tutelante desta corporación de dereito público, para vender o chamado edificio vermello de Ramón Ferreiro, que leva máis de dous anos pechado.

Este céntrico inmoble está embargado polo xulgado porque a Cámara de Comercio débelle ao redor de 2,5 millóns de euros a unha vintena de extraballadores en concepto de atrasos salariais e indemnizacións polos seus despedimentos.

O xulgado do Social número 2 foi aprazando a convocatoria dunha poxa pública para vender a sede de Ramón Ferreiro á espera de que se concretase unha oferta de compra.

A directiva cameral, presidida por Xabier Díaz, tiña negociacións avanzadas co goberno da Deputación de Lugo para que esta administración adquirise por un millón de euros o edificio vermello, co fin de restauralo para que acollese o servizo de recadación, que agora se atopa nun inmoble alugado na Rúa Tui da capital lucense.

Pero ese acordo non se pechou aínda debido a que o goberno provincial non conseguiu sacar adiante os orzamentos de 2016 ata finais do pasado mes de xuño. Aínda que finalmente a Deputación presente esa oferta, a venda do inmoble dependerá de que os extraballadores da Cámara e o xulgado dean o seu visto e prace.

O xulgado non fixou un prezo. Encima da mesa hai dúas valoracións. Unha encargada pola anterior directiva cameral, que presidiu Luis Abelleira, que ascende a 2,5 millóns de euros, e outra solicitada polo xulgado á empresa de tasación que adoita traballar para a administración xudicial, que a cifrou contorna a 1,4 millóns.

Comentarios