O Jorge I, declarado en concurso de acredores

Abre o procedemento tras a demanda dun grupo de empregados
El cuatro estrellas cerró en las vísperas de las pasadas Navidades
photo_camera El cuatro estrellas cerró en las vísperas de las pasadas Navidades

O XULGADO mercantil de Lugo declarou este luns en concurso necesario de acredores ao hotel Jorge I. Era unha decisión esperada, que o parón do Nadal atrasou. As catro estrelas que se atopa na Campiña leva case 13 meses pechado.

Esta instancia abre o procedemento por mor da demanda que presentou unha decena de traballadores, a finais de novembro, porque o propietario do aloxamento, o empresario italiano Maurizio Borroni, débelles uns 350.000 euros en concepto de salarios.

O xulgado emprazou a este empresario a facer fronte á débeda e como este non respondeu -envioulle como é costume a comunicación ao domicilio da sociedade, na Campiña-, declarou o concurso.

No edicto feito público o luns tamén se anuncia que Maurizio Borroni é apartado da xestión da sociedade e o nomeamento do economista Carlos Manuel Costas Manzanares como administrador concursal.

Os acredores disporán dun mes, a contar a partir do último anuncio do procedemento que salga á luz no Rexistro Público Concursal, para comunicar ao novo administrador os créditos que lles deben.

Este é o segundo catro estrelas da capital lucense que entra en concurso necesario de acredores por falta de pagamentos ao seu persoal, tras o Gran Hotel Lugo, que leva nesa situación desde abril do ano pasado.

Os preitos acumúlanse así encima da mesa de Maurizio Borroni, que adquiriu as catro estrelas da Campiña fai tan só dous anos. Tras a presentación desa demanda de concurso, o empresario italiano aseguraba a este diario, desde a súa residencia en Suíza, que ía saldar todas as súas débedas.

A presentación desa demanda evitou que se poxase o hotel. A poxa pública do inmoble, valorado en máis de 2,3 millóns de euros, íase a celebrar a petición dunha entidade financeira polos 984.838 euros dunha hipoteca que ten pendentes de pago.

O empresario italiano Maurizio Borroni non fixo fronte aos 350.000 euros que lle reclama unha decena de traballadores

CAUSAS PENDENTES. Ademais das demandas por despedimento, sobre Maurizio Borroni pende unha denuncia por presuntas estafa e falsidade documental presentada polos anteriores propietarios do Jorge I, a familia do restaurador Alberto García, porque só pagoulles 50.000 euros dos case 2,5 millóns escriturados pola compra das catro estrelas.

Comentarios