O coronavirus continúa estable na comunidade educativa lucense

Os centros da provincia contan con 29 casos, un máis que o xoves, mentres que no total de Galicia a cifra descende ata os 584, 35 menos
Un aula. PIXABAY
photo_camera Unha aula. PIXABAY

A incidencia do coronavirus nos centros educativos da provincia de Lugo mantense estable. Os positivos nas aulas, segundo os datos ofrecidos este venres polo Sergas, son 29, un máis que na xornada pasada. Ademais, mantense unha aula pechada, a do IES Val do Asma de Chantada. 

Os centros con máis positivos son o instituto chantadés, con strong <>cinco casos, e o IES A Pinguela de Monforte, con outros cinco (tres máis que o xoves). 

Colexios de Lugo

No conxunto de Galicia, o total de casos é de 584, o que supón 35 menos que na xornada anterior. A área de Lugo, de feito, é a única na que aumentan os casos. Baixan en Pontevedra(-15), Vigo (-9) A Coruña (-5), Santiago (-4), Ferrol (-2), Ourense (-1). Iso si, as aulas pechadas ascenden a 34. .

A área de Vigo segue un día máis á cabeza con 193 casos activos —nove menos—. Hai 18 aulas pechadas (unha máis), catro delas continúan pechadas por catro contagios no IES San Paio de Tui e outras dúas por nove positivos na Escola Infantil Santa Isabel da cidade olívica, a que rexistra máis casos nesta área.

Séguelle a área da Coruña con 156 casos activos —cinco menos—. Mantense con cinco aulas pechadas, delas tres clases clausuradas no CEIP Plurilingüe Isidro Parga Pondal de Oleiros por 27 positivos, que supoñen o maior número de entre todos os centros de Galicia. As outras dúas aulas pechadas están na CEE Nosa Señora do Rosario, na Coruña, e no CEIP Vicente Otero Valcárcel, en Carral. 

Mentres, na área de Pontevedra baixan a 92 as infeccións activas —15 menos—. O CEIP de San Roque de Vilanova de Arousa segue como o máis afectado, con 9 contagios —cinco menos—. Agora hai tres aulas pechadas —unha menos—: as escolas infantís Bamby e Toxo, en Pontevedra, así como o CEIP de Seixo, en Marín.

UN CENTRO PECHADO EN SANTIAGO. Pola súa banda, a área sanitaria de Santiago o é único que conta cun centro clausurado ao completo, trátase da escola infantil Santa Susana, que pechou despois do positivo dunha traballadora de apoio. O Sergas chamará para facer probas aos 70 nenos e 18 profesionais que se atopan en corentena. 

A área de Santiago conta con 77 positivos en centros educativos —catro menos— e segue con catro clases pechadas. Hai tres centros que contan con cinco casos activos: IES do Milladoiro, en Ames; CPR Plurilingüe Jaime Balmes, en Noia; e o IES nº1 de Ribeira.

MENOS CASOS. Polo seu lado, a área de Ourense ten 28 casos activos —un menos— de covid-19. O que máis concentra é o IES O Ribeiro en Ribadavia, con catro.

Finalmente, Ferrol segue como a área con menos casos, 10 —dous menos—. Ningún centro pasa de dous casos. Atópanse dúas aulas pechadas. 

Comentarios