O PP pide examinar cinco edificios sen uso que teñen custo ou son perigosos

Na vella potabilizadora, pechada desde 2011, séguese pagando luz e persoal, a depuradora está ruinosa e supón risco e a nave do matadoiro municipal leva sete anos sen actividade
La antigua potabilizadora, al anochecer
photo_camera La antigua potabilizadora, al anochecer

O PP proporá no pleno da próxima semana que o Concello poña en marcha un plan de aproveitamento de instalacións municipais que levan anos pechadas e sen uso e que, ou ben sofren vandalismo ou un nivel de deterioración que as fan perigosas, ou ben seguen custando diñeiro. O concelleiro Antonio Ameijide denunciou que hai polo menos cinco construcións que están nesta situación e que, segundo a información oficial do Concello, suman un valor patrimonial de 4.712.596 euros.

Trátase da antiga potabilizadora, que deixou de funcionar en 2011 pero segue tendo asignados —sen funcións— a catro operarios e segue consumindo enerxía eléctrica. "Están a pagarse uns 14.000 euros de luz mensuais e uns 24.020 euros polo persoal. Tendo en conta que pechou en agosto de 2011, estamos a falar dun gasto de 924.000 euros de enerxía eléctrica desde que esta dotación deixou de ter un uso", denunciou Ameijide. O PP pediu en diversas ocasións que se recolocase a eses traballadores e, este ano, por mor dun recurso ao persoal municipal de CSIF, o xulgado ditaminou que o Concello debe convocar esas catro prazas, que están cubertas por interinos e figuran como vacantes desde 2003 e 2006.

O matadoiro ten un cartel que advirte de risco eléctrico e a depuradora foi obxecto de roubos e o valo que a protexe está rota



O Concello tamén estivo a pagar facturas eléctricas do antigo matadoiro municipal cando este xa pechara, segundo denunciou o PP no seu día. O grupo pide dar uso a esta nave, xa sexa para fins do Concello ou incluso alugándoa ou vendéndoa a algunha empresa. No valo que pecha a parcela segue habendo un cartel que advirte do risco de manipulalo. "Atención. Condensador do transformador conectado. Non manobrar sen desconectalo", di. Non está claro se segue habendo conexión eléctrica ou é unha advertencia disuasoria. O matadoiro leva máis de sete anos pechado e o Concello mantén un preito coa propiedade para reclamar a cantidade que debe.

O PP tamén denunciou a situación da vella depuradora, que deixou de funcionar en 2011. "Do interior desapareceron pezas de reposto, as portas e as fiestras están rebentadas e o máis preocupante é que se pode acceder sen ningún tipo de control ao recinto xa que o valo de entrada está rota", explicou Ameijide.

Outras construcións que levan moito tempo sen uso son un depósito de auga da Piringalla e outro de Frigsa. Para este último, o anterior alcalde chegou a presentar un proxecto de rehabilitación co fin de destinar o espazo a fins culturais.

O PP propón que o goberno local leve a cabo un plan de optimización de todas estas instalacións que inclúa a cuantificación do gasto corrente que suporía darlles uso. Cre que algún inmoble, como a potabilizadora, podería destinarse a actividades de turismo, deporte ou natureza, debido á súa localización e ao seu estado de conservación e propón estudar esa posibilidade dentro do plan Edusi. Tamén se poden establecer convenios de utilización con entidades públicas ou privadas e, nalgún caso, como podería ser o depósito da Piringalla, é posible que a mellor opción sexa botalo abaixo, apunta o PP. O grupo pide que se analice cada caso e que todos os membros da corporación poidan visitar todas estas instalacións.

Comentarios