O PP pide a Méndez unha cuestión de confianza que tomban BNG e Lugonovo

Castiñeira ve insostible a situación pola falta de orzamento e porque Lugo xa é a terceira capital de provincia que "peor paga"
Jaime Castiñeira
photo_camera Jaime Castiñeira

O PP fixo este luns un novo intento de pór contra as cordas o goberno local e os partidos que o sosteñen ao retar á alcaldesa, Lara Méndez, a ser "valente" e someterse a unha cuestión de confianza, xa que, por segundo ano consecutivo, a finais de xaneiro nada se sabe de cando haberá orzamento municipal e Lugo xa é a terceira capital española que máis tarda en pagar aos seus provedores, denunciou.

O PP cre que a cuestión de confianza sería un modo de ver se Lugonovo e BNG prefiren seguir blindando o goberno, "en contra dos intereses xerais" ou "admiten o dano que están a causar e o erro no que incurriron ao entregar o mando a quen non era de Lugo, nin coñecía Lugo nin quería ser alcaldesa senón presidenta da Deputación", afirma o portavoz popular, Jaime Castiñeira.

O lance foi desactivado inmediatamente polos segundos, quen sosteñen que neste momento "non toca" situarse ante unha hipotética cuestión de confianza porque non se deu o paso previo, que sería o debate e as negociacións para intentar aprobar o orzamento. O goberno local optou pola estratexia do silencio.

O PP cre que non hai escusa para que a estas alturas do ano as contas municipais estean nunha situación "tan precaria". Recorda que vai case mediado o mandato e que a situación se repite por segundo ano consecutivo. "A alcaldesa aínda non se deu conta da súa soidade e da súa debilidade. É hora de que tanto o PSOE coma os grupos que esixiron politicamente a cabeza de Orozco asuman as súas responsabilidades e definan que papel queren xogar no presente e no futuro do Concello a curto prazo", afirmou Castiñeira. Recordou que o exalcalde utilizou este recurso en 2008 e que a actual rexedora amentou esa posibilidade hai un ano.

Nin o BNG nin Lugonovo están satisfeitos coa xestión do goberno, segundo aseguran. O primeiro cre que fai anuncios de cara á galería pero que non soluciona problemas da cidade, como o da mobilidade, mentres que Lugonovo denunciou recentemente o baixo nivel de cumprimento dos acordos plenarios e afeou á alcaldesa que, tras catro meses, nin sequera asinase a orde para constituír a comisión de control das contratacións do Concello.

Ambos din que serán moito máis esixentes á hora de negociar tanto accións programáticas como o cumprimento das mesmas. "Buscaranse medidas para que se poida supervisar a execución do que se acorde. Lugonovo cre que sempre debe estar disposta a negociar en aras a mellorar a cidade, non facer oposición por facer", afirmou o portavoz de Lugonovo, Santiago Fernández Rocha. Rubén Arroxo, do BNG, recoñece que "a cousa está difícil", pero cre que primeiro o goberno debe negociar.

Comentarios