O PP de Lugo considera "para olvidar" os dous anos de goberno do bipartito

Carballo reclama a PSOE e BNG unha política de consensos coincidindo co ecuador do mandato e considera que  "nin Méndez, nin Arroxo deron a talla"

Comparecencia de Carballo e os concelleiros do PPdeG. EP
photo_camera Comparecencia de Carballo e os concelleiros do PPdeG. EP

O voceiro popular Ramón Carballo, acompañado polos concelleiros do grupo, realizou este luns un balance dos dous anos de goberno de Lara Méndez e Rubén Arroxo nunha comparecencia na que enumerou doce " historias sen resolver, enquistadas ou para olvidar" do bipartito, coincidindo co ecuador do mandato. Para os populares "nin Méndez, nin Arroxo deron a talla", polo que os animan a encarar os próximos dous anos "cun proxecto pensado para todos os lucenses para evitar sectarismo" xa que, na súa opinión, "as accións que programan están pensadas só para acaparar titulares máis poder e para tecer unha rede de afíns aos seus respectivos partidos políticos".

Carballo iniciou a súa comparecencia no xardín do CEI-Nodus preguntándose "que é o que podemos esperar dunha alcaldesa socialista e do seu socio nacionalista de goberno que autorizan un gasto de 45.000 euros para a compra das cadeiras e das sillas de luxo que colocaron neste espazo". 

O voceiro do PP recoñeceu que o último ano de goberno non foi doado pola crise económica pero engadiu que esta situación "non pode utilizarse como disculpa". A continuación, resumiu os doce puntos que, ao seu xuízo, deron de si os dous anos de mandato compartido por Méndez e Arroxo. Son textualmente os seguintes:

1. "Coa esquerda do PSOE e BNG  Lugo ten o goberno máis caro da historia. Gasta 3.8 M€ en dedicacións exclusivas e asesores para o PSOE e o BNG. E, por riba, en plena pandemia Méndez e Arroxo subíronse o soldo un 2% e tamén presupostaron a compra de coches de alta gama por máis de 103.000 €. 

2. Coa esquerda do PSOE e BNG Lugo ten dous gobernos distintos. PSOE e BNG defenden dous proxectos diferentes dos que fan autobombo a diario e por separado.

3. Coa esquerda do PSOE e BNG hai un uso abusivo dos contratos menores . Un informe do interventor municipal certificaba a existencia de fraccionamentos de contratos uso excesivo de contratos menores por parte, dos concelleiros socialistas e nacionalistas. 

4. Coa esquerda do PSOE e BNG os lucenses quedamos  hipotecados xa que pola súa neglixencia pagaremos indemnizacións millonarias a conta da fábrica da luz (2,5M€) e, tamén, teremos que asumir o custe da demolición das torres do Garañón.

5. Coa esquerda do PSOE e BNG se privatizan servizos. Nestes dous anos de mandato externalizouse a atención das avarías de auga na rede; a inspección de tributos, e no punto de mira, arestora, a unidade de atención temperá. 

6. Coa esquerda do PSOE e o BNG segue a  delirante xestión de persoal municipal. A nova RPT non solucionou os graves problemas de funcionamento interno do concello; aumentaron os postos de libre designación; os nomeamentos cuestionables como a función que asignaron de Coordinador de urbanismo ao interventor; ou sentezas que os deixaban en evidencia como a que lles obriga a readmitir á xefa de persoal que fulminaron nunha caza de bruxas sen precedentes utilizando argumentos basados en valoracións subxectivas. 

7. Coa esquerda do PSOE e o BNG seguimos con infraestructuras prometidas que nunca chegan: os últimos exemplos: a súa incapacidade a hora de abrir o novo auditorio de Magoi (cumpre este mes de xuño un ano pechado dende que o Concello recibiu as chaves de mans da Xunta) ou o incomprensible retraso para acondicionar unha praia fluvial no Miño.

8. Coa esquerda do PSOE e o BNG seguimos cos despropósitos dos proxectos financiados con fondos europeos. Aí temos as caldas do Miño que non deixan de ser piscinas de auga do grifo quentadas cun quentador; o millón de euros da pasarela NVI ou a controvertida obra do carrilbici que anula prazas de aparcamento sen dar alternativas aos conductores. 

9. Coa esquerda do PSOE e o BNG Lugo paga 34 M€ anuais de reparos de legalidade en contratos caducados. Seguimos cos mesmos servizos prorrogados e volven a incumprir a súa promesa de axilizar a licitación de servizos. O último fiasco o contrato da basura que leva un ano tramitándose.

10. Coa esquerda do PSOE e o BNG Lugo é a única gran cidade de Galicia que sigue se adherirse á rede de VioGén así como a Rede de Municipios contra a Violencia de Xénero, iso por non falar do colapso en servizos sociais con cambios de xefes de servizo, a un por ano, que se traduce en retrasos en citas de dependencia e outros casos de emerxencia. 

11. Coa esquerda do PSOE e o BNG hai cacicadas para gañar o voto da zona rural. Asfaltados á carta, falta de control dos vertedorios, deficiente sinalización e a redución de servizos para as parroquias co peche “por decreto” de 7 escolas rurais que funcionaban como centros de convivencia. 

12. Coa esquerda do PSOE e o BNG fracasa a implantación electrónica e certifícase falso progresismo xa que non se buscan consensos co grupo que máis concelleiros ten na corporación senón que se impoñen o rodillo".