O PP critica que a brigada de obras faga traballos contratados a empresas

Di que interveu nunha pista de Abol, cuxo rebacheo adxudicouse con cargo a remanentes

O concelleiro do PP Manuel López denunciou que o Concello de Lugo realizou con medios propios algúns traballos que contratara a empresas privadas. As tarefas ás que se refire realizáronse na pista de Abol, en San Xoán do Campo, a Vilachá, en Ribas de Miño, onde estivo a traballar unha brigada municipal aínda que «unha empresa tiña que estar a realizar xa o aglomerado en quente».

López opina que é «indignante» que o edil de zona rural «se ocupe e preocupe de adiantarlle o traballo con medios propios a unha empresa á que lle paga por realizar esas tarefas, mentres que varios centos de quilómetros quedan sen intervención nin da brigada municipal nin dunha empresa externa».

Manuel López considera «de sentido común que os operarios municipais deberían estar a se ocupar de acondicionar as pistas nas que non van actuar firmas privadas».

O concelleiro recordou que «dentro do contrato que o Concello subscribiu coa empresa Ovisa figura tapar as fochancas», e critica que o PSOE «obrigue aos lucenses a pagar dobremente os traballos».

López asegura que a mellora desta pista leva «máis dun ano aprobada polo pleno, con proxecto e dotación orzamentaria» e que non é a única nesta situación, pois tamén a vía que vai de Belesar a San Xoán do Campo; a de Ceza a Portanova, e a de Vilalvite a Ventosiños de Arriba «seguen en idénticas condicións: con proxecto e con dotación orzamentaria, pero sen iniciarse sequera».

«O peor é que non se trata dun caso illado senón que non foron executadas ningunha dás 25 obras aprobadas para as parroquias» no marco do plan de investimentos con cargo a remanente de anos anteriores que o PSOE aprobou froito dun acordo co PP.

Manuel López asegura que non se levou a cabo ningunha das 25 obras nas parroquias acordadas co PP

Comentarios