O PP celebra a suspensión e BNG e Lugonovo vena unha "cortina de fume" contra o caso Garañón

Cidadáns e ACE propoñen que se municipalice o servizo

A medida anunciada este xoves polo goberno local de Lugo de suspender temporalmente o sistema Ora parece ter pillado co paso cambiado a algúns dos grupos municipais, especialmente os que deberían servirlle como apoio na súa xestión. Non así o PP, que celebrou que o goberno municipal "dea marcha atrás á súa postura e recapacite" para aceptar unha proposta que os populares xa realizaron a comezos do ano pasado, segundo recordou o concelleiro desta formación Antonio Ameijide.

Este edil insistiu en que o Grupo Vendex ingresou máis de 5,2 millóns de euros nos últimos seis anos, dos que 3,8 millóns foron desde que o seu contrato co Concello foi anulado pola Xustiza. Retou aos socialistas a "transformar en definitiva esta proposta para que non sexa só temporal, máxime tendo en conta todas as sospeitas que pesan sobre o servizo, incluíndo presuntos subornos a políticos municipais".

Non celebraron tanto a decisión do goberno dirixido por Lara Méndez nin BNG nin Lugonovo, os grupos que posibilitaron a súa chegada á alcaldía. Ambos consideran esta decisión e o xeito en que se anunciou como "unha cortina de fume" ante os problemas polo proceso xudicial do caso O Garañón, que a próxima semana levará ao xulgado a José Ramón Gómez Besteiro e José López Orozco.

O nacionalista Rubén Arroxo instou o Concello a "dar un novo enfoque á xestión do tráfico" recollendo "as propostas feitas polo BNG e non reutilizar medidas populistas".

Desde Lugonovo anunciouse que pedirán explicacións para saber que vai suceder cos traballadores deste servizo.

A portavoz de Ciudadanos, Olga Louzao, e o de Alternativa Cidadá de Esquerdas (Ace), Carlos Portomeñe, coincidiron en propor que se municipalice o servizo da Ora. A concelleira da formación laranxa considera que é unha medida "factible" e Portomeñe incidiu ademais en preguntar "onde foron os cartos" recadados por Doal desde que o xulgado anulou o contrato. O Edil de Ace tamén precisou que espera que o goberno municipal "opte pola solución que garantice estrictamente os seus dereitos laborais" e, nese sentido, opina que a "opción máis válida" para "asegurar emprego público digno e de calidade" é a "municipalización" do servizo.

Outra proposta sobre o futuro do servizo é a que formulou Agustín Galego de UPyD, que considera que o máis beneficioso economicamente para as arcas municipais sería que o explotase unha empresa mixta.

comentarios