O PP apoia cobrar o Ibi ao aparcadoiro do Seminario ao ser actividade económica

Castiñeira cre, con todo, que hai que agradecerlle á Igrexa o seu labor en Cáritas, mentres Lugonovo promoverá unha declaración da corporación para esixirlle que pague os tributos
El aparcamiento del Seminario está gestionado desde 2008 por una empresa privada
photo_camera El aparcamiento del Seminario está gestionado desde 2008 por una empresa privada

O PP mostrou este xoves o seu apoio á decisión do goberno local de intentar cobrarlle á Igrexa o imposto de bens inmobles (Ibi) polo aparcadoiro do Seminario, xa que considera que "está xestionado por unha empresa e hai unha actividade económica. Por iso entendo que está suxeito a Ibi", comentou o portavoz popular, Jaime Castiñeira.

Tras recordar que o goberno de José López Orozco xa intentou cobrar o imposto municipal por esa instalación, Castiñeira matizou que hai outro tipo de impostos e taxas cuxa exención está regulada por acordos entre o Vaticano e o Estado español "e xa que logo hai que respectalos", dixo.

O portavoz do PP sinalou en todo caso que non cre que o cobro deste imposto "sexa o maior problema que ten agora o Concello" e considera que á Igrexa católica "hai que estarlle agradecido polo labor que realiza a través de Cáritas". "Se obtén ingresos é para dedicalos aos máis necesitados", comentou Castiñeira, quen aposta por pór "todo sobre a balanza" neste asunto.

Con todo, outros grupos da oposición como Lugonovo son máis críticos coa estratexia da Igrexa para eludir tributos. "Rogan nas campañas de Facenda, co xa manido Xtantos, en prol do sostemento propio, pero á hora de contribuír ao ben común son os primeiros que tratan de evadir impostos", comenta o portavoz da formación, Santiago Fernández Rocha, que critica que se use "calquera argumento legal para evitar o pago dos tributos, ben sexa o Ibi dos inmobles relixiosos e incluso de propiedades ás que lles sacan rendemento como negocio".

Por iso, anunciou que tratará de promover na próxima xunta de portavoces unha declaración institucional para que toda a corporación apoie que a Igrexa teña "a mesma obriga que o resto de veciños de aboar os seus impostos".

Pola súa banda, a portavoz de Ciudadanos, Olga Louzao, tamén cre que a Igrexa debe pagar o Ibi por inmobles como o aparcadoiro do Seminario, aínda que considera que debería de promoverse un cambio lexislativo a nivel estatal para evitar este tipo de exencións en lugar de actuar a nivel municipal.

comentarios