O Mesón de Alberto, Premio Nacional de Hostalería á empresa hostaleira

O restaurante lucense logra o recoñecemento nos galardóns que outorga Hostalería de España
Mesón de Alberto. AEP
photo_camera Mesón de Alberto. AEP

O Mesón de Alberto foi galardoado na categoría de empresa hostaleira nos Premios Nacionais de Hostalería 2019, que concede a organización empresarial Hostalería de España.

Este recoñecemento para o restaurante lucense chégalle, xa que logo, de parte dos empresarios do propio sector. Con eles búscase pór en valor o traballo que realiza a industria hostaleira e a súa contribución ao desenvolvemento económico do país, así como recoñecer aquelas iniciativas que son "un claro exemplo e un modelo a seguir para o resto de empresas do ámbito".

Mesón de Alberto é recoñecido na categoría empresa hostaleira. A organización destaca a súa localización "nunha típica casa lucense de pedra con decoración clásica en pleno centro histórico da capital".

"Desde 1975 que abriu as súas portas, coida ao máximo a procedencia dos seus produtos ofrecendo unha exquisita gastronomía na que combina tradición galega e innovación e esmerando o servizo para lograr a excelencia. O traballo que realiza Alberto García e o seu equipo, apostando pola tradición e a calidade, logrou fidelizar a unha clientela cada vez máis esixente", engade.

Os galardoados recollerán os seus recoñecementos nun acto que terá lugar en Madrid o próximo 13 de novembro. A gala de entrega será seguida por un coctel de celebración a cargo de Pedro Larumbe que servirá como colofón ao recoñecemento do sector ao selecto elenco de premiados.

Comentarios