O lado máis amargo da fidelidade

Só no mes de xullo, a Protectora de Animais e Plantas de Lugo recolleu 51 cans abandonados en nove concellos da provincia
Perrera municipal
photo_camera Perrera municipal

Os seres humanos non entenden de fidelidade ou, polo menos, non do xeito en que a entenden os cans. El nunca o faría’, aquela frase dunha campaña publicitaria en contra do abandono animal repetida ata a saciedade, segue sen calar fondo entre os centos de persoas que continúan abandonando ao seu amigo máis fiel. Sen ir máis lonxe, a Protectora de Animais e Plantas de Lugo recolleu o pasado mes de xullo 51 cans. No que vai de ano, o dato ascende xa a 374.

En 2015 a cifra foi moito maior, pois a protectora fíxose con 1.038 cans e ao redor de 160 gatos abandonados. Con todo, hai que ter en conta que o dato é máis elevado porque ata o 2015, 18 concellos de Lugo colaboraban coa causa. Pero este ano, a metade deles deixaron de facelo.

E é que debido ao abandono descontrolado dos cans, a Protectora decidiu este ano pedir aos concellos un maior control dos animais para evitar, desde o primeiro momento, a secuela do abandono. Así, "solicitamos a publicación de bandos por parte dos gobernos municipais para ter aos cans controlados", indicou o director da Protectora, Francisco Javier García Calleja. Lamentablemente, "deses 18 concellos que ata o momento colaboraban connosco, 9 non contestaron", sinalou García.

Só Lugo, O Corgo, Riotorto, Portomarín, A Pastoriza, Castroverde, Begonte e Becerreá seguen inmersos na causa e manteñen un control exhaustivo dos cans para evitar o abandono animal.

MÁS DE 350 ANIMAIS. As instalacións da Protectora, situadas no lugar de Codesido, na parroquia de Santa María de Muxa, albergaban, ao peche do mes de xullo. un total de 299 cans e 74 gatos. En total, o centro acolle a máis de 350 animais.

García Calleja conta que debido á crise económica, as adopcións estiveron estancadas durante moito tempo e moi poucas persoas decidían darlle un fogar a un dos cans que foran abandonados.

Afortunadamente, esa tendencia parece que empeza a cambiar. Así, García sinala que "as adopcións empezan agora a subir un pouco". Foi a partir do mes de setembro do ano pasado cando xa empezaron a notar un aumento considerable no número de adopcións. Ademais, o control por parte dos concellos e o uso obrigatorio do microchip facilita o labor da Protectora, pois axiliza a saída do refuxio de animais perdidos polos seus donos. "Aumentaron o número de animais con microchip e iso permite contactar con rapidez cos propietarios", indica o director da Protectora.

Con todo, García Calleja confesa que, ademais de que nos meses de xullo e agosto aumenta o abandono de animais, tamén diminúe o número de adopcións, xa que a xente "está a outras cousas". Desde o refuxio esperan que no mes de setembro as adopcións volvan repuntar, como ocorreu outros anos.

FINANCIACIÓN. O refuxio conta con catro vías de financiamento: as cotas dos socios, que son ao redor de 1.280; os donativos dos concellos; as subvencións da Deputación, que colaboran coa Protectora desde hai tres anos; e os donativos en xeral dos particulares, tanto de penso como achegas económicas. Así mesmo, a Deputación cedeu en 2015, por dez anos, unha leira de 39.000 metros cadrados, onde os voluntarios e coidadores da Protectora poden pasear aos cans.

Comentarios