lunes. 25.01.2021 |
El tiempo
lunes. 25.01.2021
El tiempo

O Illa Verde, único Ceip galego que entra no programa Club de Ciencia

Sara, María y Lúa, que presentaron experimentos en el Ánxel Fole
Sara, María y Lúa, que presentaron experimentos en el Ánxel Fole
Seleccionáronse dez centros para o proxecto piloto que pon en marcha este curso a Consellería de Educación e no que tamén participa o CPI Uxío Novoneyra do Courel

O colexio Illa Verde é o único centro de infantil e primaria (Ceip) que resultou seleccionado para participar no programa piloto Club de Ciencia que a Consellería de Educación pon en marcha este curso co fin de promover o coñecemento na área de ciencias, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas (coñecidas como Stem polas súas siglas en inglés). A selección inclúe outro centro da provincia, o Uxío Novoneyra do Courel, un dos catro centros públicos integrados (CPI) que participarán nesta convocatoria. O resto son cinco institutos de secundaria coruñeses.

O Club de Ciencia, explica a xefa de estudos do Illa Verde, María José Castro Xirona, trátase dun "plan pioneiro" que entronca co obxectivo "a nivel europeo de promover vocacións" nas denominadas Stem. O centro beneficiarase dunha achega específica de 1.200 euros para investir nas súas iniciativas ao longo deste ano, o que supón unha axuda porque nos últimos catro anos estiveron desenvolvendo numerosas iniciativas deste tipo con fondos propios.


O centro recibirá 1.200 euros para custear as actividades incluídas no Club de Ciencia, que ata agora partía dos seus fondos


De feito, matiza María José Castro, a inclusión no Club de Ciencia debe moito ao traballo realizado previamente no colexio, posto que, ademais do programa de actividades presentado, na selección tívose moi en conta as actividades que os centros viñan facendo neste ámbito. Neste sentido, agradece a actitude da dirección. "Se isto foi posible foi porque o director, Manuel Rodríguez Lorenzo, apoiounos sempre", subliña.

Nas actividades que levan a cabo no Club de Ciencia participa "case todo o profesorado" e contan tamén coa colaboración dunha nai, María Seijas, enxeñeira de profesión, que se envorcou coa iniciativa e exerce de asesora.

ACTIVIDADES. As iniciativas que se viñeron realizando e que continuarán baixo o paraugas do Club de Ciencia son diversas e algunhas, moi curiosas. O ano pasado, con motivo do Día da Ciencia, varios escolares exerceron de divulgadores científicos, prepararon algúns experimentos e invitaron a alumnos doutros centros para ensinarllos. Tamén acudiron á xornada de Ciencia na Rúa que organiza a Casa das Ciencias da Coruña. Contan, ademais, coa páxina Rosalyn Curie Noether en facebook, onde colgan todo tipo de noticias relacionadas con mulleres e ciencia e nela pódese ver o traballo realizado polos alumnos con motivo do Día da Muller.

INTERCAMBIO. Na súa programación científica tamén contemplan o intercambio con outros centros, unha iniciativa "que gusta moito", explica María José Castro. Este ano, tres novísimas divulgadoras —Sara, María e Lúa— acudiron ao IES Ánxel Fole a ensinarlles aos alumnos diso e Bac os experimentos que prepararan. Agora serán os alumnos do Ánxel Fole quen visiten o Illa Verde para facer a súa achega.

Ademais, levan a cabo un programa de Botánica na Escola, no que os alumnos elaboran un herbolario da provincia de Lugo, para o que realizan saídas de recolección e recoñecemento de especies. Tamén teñen previsto realizar un mannequin challenge e actividades de introdución das matemátias de forma lúdica, a través das damas, o dominou triangular, o mikado ou o xadrez.

Todo iso combinado con talleres mensuais de experimentos científicos e con charlas de divulgadores como a do neurocientífico Xurxo Mariño, que estivo o pasado mes de marzo no centro coa conferencia 'Unha viaxe á máquina da mente'.

O Illa Verde, único Ceip galego que entra no programa Club de Ciencia
comentarios