Distintos membros de polo menos sete familias lucenses sométense a un seguimento especial por risco de cancro de colon, que inclúe colonoscopias máis frecuentes ou outro tipo de probas endoscópicas co obxectivo de evitar o desenvolvemento do tumor ou polo menos diganosticalo en estadíos temperáns cando o seu tratamento é máis sinxelo e o prognóstico máis favorable.
O servizo de Aparello Dixestivo do Hula puxo en marcha hai un mes unha consulta específica de risco de tumores dixestivos -da que se encargan Andrés Dacal e Ángel Lancho- pero a mesma tarefa xa se viña realizando de forma habitual por estes especialistas. Alí chegan pacientes derivados doutras consultas de Dixestivo, de Oncoloxía ou de Cirurxía, que remiten os facultativos en virtude de que cumpran unha serie de variadas características. A presenza de tumores de colon nalgúns familiares, o feito de que o padeceron a idades temperás ou a tendencia á poliposis poden chegar a determinar que unha persoa se considere en risco de padecer ese tipo de cancro, pero tamén padecer a outro tipo de tumor, asociado frecuentemente ao de colon, podería facelo.
Os dous médicos admiten que a poboación está concienzada e comunica habitualmente os antecedentes familiares aos seus médicos de cabeceira, aínda que recordan que só iso non ten por que implicar necesariamente que teñan un risco específico de padecer esa clase de tumor. Só o 5% do conxunto de tumores de colon corresponden a formas hereditarias.
A elaboración dunha árbore genealóxica é o primeiro paso en consulta, que ten por obxectivo confirmar e cuantificar o teórico risco que se sospeita polas características do paciente e, no caso de que efectivamente responda a unha desas formas hereditarias, esténdese o estudo a outros membros da familia.
A consulta é necesariamente traballosa e adoita prolongarse durante meses. Pode incluír análises moleculares e tamén xenéticos e, nalgúns casos, as probas axudan a concluír que unha persoa completamente sa nese momento ten un cento por cento de posibilidades de desenvolver un cancro de colon no futuro. "O maior beneficio desta consulta é precisamente para as persoas asintomáticas sas", explican os doutores Dacal e Lancho.
Son elas as que reciben un seguimento específico que, doutra forma, non terían porque, por exemplo, resulta excepcional que unha persoa nova se someta a colonoscopias. Non só fanse probas diagnósticas senón que o seguimento pode incluír a extirpación regular de pólipos ou a derivación a outras consultas. Como algunha destas formas hereditarias de tumores de colon están moi asociadas ao cancro de endometrio, algunhas pacientes da consulta foron remitidas ás consultas de Xinecoloxía e decidiron someterse a unha histerectomía preventiva.
O arco de idades dos pacientes a seguimento é amplo e inclúe incluso a un paciente pediátrico ao que se lle determinou o risco despois do diagnóstico dun cancro de colon, algo que resulta extremadamente infrecuente. Nese caso, os dous proxenitores tiñan unha mutación xenética que predispón a ese tipo de tumor.
Á marxe de probas e consultas con outros servizos, os especialistas de Dixestivo ofrecen aos seus pacientes algúns consellos básicos sobre estilo de vida: deixar o tabaco se son fumadores, evitar a obesidade, seguir unha dieta con presenza diaria de froita e verdura e facer exercicio regular.
Tamén recomendan limitar o consumo de carne procesada. O recente informe da Organización Mundial da Saúde sobre a relación deses produtos e o cancro non modificou en absoluto os consellos que dan porque, de feito, esa relación é máis que coñecida desde hai anos, segundo recordan. Tamén aseguran que os pacientes non demostran en consulta unha preocupación especial polas conclusións incluídas nese informe.
Implantación progresiva do cribado
O Hula crea unha consulta específica para detectar cancro de colon
Dixestivo abriu o servizo para descubrir pacientes con altas probabilidades de padecer un tumor e evitalo ou diagnosticalo en estadíos temperáns. Hai pacientes sen síntomas cun cento por cento de posibilidades de enfermar