O Concello de Lugo valora fichar a un experto en xestión de persoal

Non descarta a fórmula que expuxo Lugonovo para reorganizar e dirixir o persoal
Daniel Piñeiro
photo_camera Daniel Piñeiro

O goberno local estuda a posibilidade de fichar a un experto en recursos humanos para levar a cabo unha reorganización do persoal municipal e dos servizos do Concello e para ocuparse da súa xestión de forma permanente. Sería a través da figura dun director xeral, á que Lugo podería recorrer por estar acollido á Lei de Grandes Cidades. De feito, durante os mandatos de Orozco xa tivo dous directores da Policía Local e un de novas tecnoloxías.

O concelleiro de persoal, Daniel Piñeiro, explicou que a formulación que Lugonovo fixo neste sentido non é novo, senón que é unha posibilidade que o goberno local non descartou en ningún momento. "Queriamos ver primeiro o que había, como funcionaba o Concello, como estaban as cousas", explicou o edil, que, no entanto, quixo deixar claro que non hai nada decidido aínda e que esta é "unha das opcións que se están barallando".

O goberno de Lara Méndez coincide con Lugonovo en que é prioritario reorganizar os recursos do Concello e tomar moitas decisións en materia de persoal, unha apreciación compartida en realidade por toda a oposición porque é unha necesidade obxectiva. Hai servizos deficitarios -algúns exemplos son bombeiros, onde este ano se xubilaron cinco traballadores, e arquitectura, con pouco persoal e sen xefe desde hai meses, pola mesma razón-; áreas mal organizadas (o rexistro, augas e servizos eléctricos son algúns exemplos); funcionarios que intentan aproveitar a debilidade do actual goberno para consolidar ou mellorar as súas condicións ou simplemente para exercer poder, e unha relación de postos de traballo desfasada, xa que o documento está moi afastado do persoal real. A funcionarización do persoal laboral é outro dos asuntos que o anterior goberno deixou pendentes, así como a convocatoria de prazas de ofertas de emprego aprobadas en anos pasados.

Toda a corporación, incluído o equipo de goberno, coincide en que a xestión do persoal descoidouse nos últimos anos. "Quizais había outras prioridades, estaba a crise, e a lexislación tamén abocaba a iso. Non permitía contratar e abocaba a externalizar servizos", afirma Piñeiro, aínda que a realidade é que moitos servizos se externalizaron antes de que houbese restricións á contratación.

Ante esta situación, o goberno non descarta crear un servizo de recursos humanos "máis potente", á fronte do cal estaría un experto na materia. Porque outro dos retos que ten por diante é que ao Concello queda un ano de prazo para a posta en marcha da administración electrónica, de maneira que algúns servizos só van poder ser prestados de forma telemática.

O nomeamento de directores xerais en anteriores etapas foi moi contestado polo BNG e a forma en que exerceu algún deles provocou moitas críticas do PP e dalgún sindicato. O consenso podería ser agora maior, dada a situación que vive o Concello. Esta semana, unha provedora cortou a luz en tres centros municipais durante unhas horas porque nos servizos eléctricos deixáronse de tramitar facturas por unha reivindicación laboral. O Concello conta cun salario libre, o que deixou José Manuel Díaz Grandío.

O Concello de Lugo, como moitos outros, enfrontarase nas próximas semanas a unha situación inaudita. Recibiu un comunicado da administración central na que se lle insta a que pase por alto a Lei de Racionalización e Sustentabilidade e, a partir do 1 de xaneiro, siga ocupándose das competencias en materia de servizos sociais, que neste momento, e ata o 31 de decembro, estaba a prestar por delegación da Xunta.

A indicación supón vulnerar a lei porque esta di que, para que as comunidades autónomas puidesen manter delegadas esas competencias nos concellos, «esa delegación deberá adecuarse aos establecido nos artigos 7, 27 e 57 bis da Lei 7/1985, Reguladora das Bases do Réxime Local, antes do 1 de xaneiro de 2016. Se a dita data non se produciu tal adaptación [o que non se fixo], a delegación quedaría sen efecto», recolle a lei.

Piñeiro explicou que os servizos xurídicos da Femp están a estudar a validez dese comunicado. O Concello de Lugo ten unha ampla rede de servizos sociais, á que dedica boa parte dos seus recursos.

comentarios