Lugonovo pide que o Estado pague o Ibi do párking tal como fan cos colexios relixiosos

Lugonovo quere que as ordenanzas fiscais contemplen a progresividade, o fomento do emprego e os beneficios sociais

O grupo municipal de Lugonovo non renuncia a que o Concello lle esixa á Igrexa o pago de Ibi por aqueles inmobles nos que hai actividade comercial e entre as propostas que expón introducir nas ordenanzas fiscais de 2016 está a petición de que sexa a Administración do Estado a que se faga cargo de abonar o imposto en casos como o aparcadoiro do Seminario.

O portavoz de Lugonovo, Santiago Fernández Rocha, recorda que o Goberno central é o que asina os convenios coa Igrexa que permiten as exencións tributarias e "xa que logo estas decisións deben ser compensadas para non perxudicar aos concellos", di.

Rocha explica que na actualidade esta fórmula de abono do Ibi por parte do Estado xa se dá no caso do imposto correspondente aos edificios dos colexios concertados, de tal forma que o Concello lle pasa cada ano estes recibos á Administración central.

O portavoz de Lugonovo, que segue á espera de que o bispo Afonso Carrasco Rouco lle conceda unha entrevista para falar sobre o pago do Ibi, explica que o caso de aparcadoiro do Seminario non é o único cuxo imposto debería ser compensado polo Estado, xa que asegura que o Obispado e as distintas congregacións relixiosas teñen numerosos locais e vivendas na provincia polas que non abonan a contribución.

Ademais, todos os grupos municipais do Concello están a favor de que se cobre o Ibi cando haxa actividade comercial nos inmobles, aínda que o PP opúxose na última reunión da xunta de portavoces a subscribir unha declaración institucional neste sentido, porque quería "darlle unha volta ao texto", segundo comenta Fernández Rocha.

O edil de Lugonovo cre que é necesario pór o foco sobre este problema porque cre que hai "moita oscuridade" cando se fala das propiedades da Igrexa católica, sobre todo porque a súa actividade económica non está sometida ao Tribunal de Contas.

Por outra banda, Rocha anunciou que o seu grupo pretende que as ordenanzas fiscais de 2016 favorezan a progresividad tributaria, o emprego e aposten polos beneficios sociais.

Comentarios