O Concello de Lugo repara a fuga de auga da estrada de Orbazai tras quince días

▶ Un veciño avisou ata tres veces da avaría en San Lázaro

▶ As obras obrigaron a cortar a traída e o tráfico por tres horas

Técnicos do Concello repararon o luns a fuga de auga próxima á igrexa de San Lázaro, que levaba polo menos dúas semanas manando auga de forma ininterrompida e pola que se perderon centos de litros. Un veciño que pasa a diario pola zona contactou ata tres veces coas oficinas municipais para dar conta da avaría, sen que se procedese a arranxala ata o luns.

O home explicou que, de feito, a primeira vez que chamou ao Concello foi o 1 de agosto, e que ese día a avaría xa era evidente, a pesar de que recoñeceu que saía só un pouco de auga.

Con todo, o problema foise acrecentando co tempo, de forma que o veciño, que afai dar un paseo cada día por San Lázaro, volveu chamar o día 5. Asegura que pediu explicacións sobre os motivos polos que non se iniciou a obra e que alguén achacou por teléfono o atraso a "problemas burocráticos". Finalmente, volveu advertir o luns de que a fuga empeorara moito e que saía auga a gallarón. 

O certo é que entre o domingo pola tarde e o luns pola mañá a situación agravouse de forma evidente, como tamén constataron outros veciños. 

O Concello decidiu o luns cortar ao tráfico a zona e parar a subministración de auga para poder facer a reparación a partir das 15.00 horas na rede municipal de abastecemento.

Informou de que os traballos precisaron da presenza dun camión e unha escavadora que os fan incompatible co paso do tráfico, polo que se fixo necesario cortar por completo a circulación. 

A reparación acabou o luns ás 18.00 horas, segundo informaron desde o Concello. Explicaron que se procedeu a cubrir a gabia provisionalmente, deixando o perímetro afectado valado e sinalizado ata que se proceda á reposición do firme, algo que se fará "na maior brevidade", segundo indicaron. Polo momento, definíronse provisionalmente dous carrís de circulación con conos de sinalización na zona que actualmente se dedica a aparcamento en batería.

Os traballos para arranxar a fuga comezaron ás tres da tarde e, segundo o Concello, acabáronse ás seis

O edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos, acudiu o luns para comprobar o estado da fuga e supervisar o inicio das obras. Técnicos do Concello xa acudiron a observar o estado da fuga o pasado domingo e volveron unha vez máis o luns pola mañá, cando se concluíu que, dada a envergadura que alcanzara, había que actuar sen demora.