O Concello ordena pechar o aparcadoiro Ánxel Fole por falta de licenza

A propiedade non logrou legalizar a ampliación das instalacións por falta de desenvolvemento da zona
Aparcamiento Ánxel Fole, al lado de la muralla
photo_camera Aparcamiento Ánxel Fole, al lado de la muralla

O goberno municipal decretou a semana pasada unha orde de suspensión da actividade do aparcadoiro Ánxel Fole "mentres non dispoña de licenza ou atorización municipal que habilite o exercicio da actividade". Ademais, o equipo de goberno multa con 600 euros á propiedade das instalacións, a empresa Estacionamentos Lucenses. O equipo de Lara Méndez dálle de prazo ata o 9 de xaneiro para pechar o aparcadoiro. Se non o fai, ese día a sección de Policía e Transporte precintará o establecemento, para o que se disporá no lugar os axentes necesarios para garantir o normal desenvolvemento da clausura. Deberá levantar acta da mesma a secretaria do pleno.

O goberno local pecha deste xeito o expediente administrativo que iniciou hai anos, por mor da ampliación do aparcadoiro. Nese momento, os servizos de urbanismo do Concello detectaron unha infracción nestas instalacións e, tras ser advertida a empresa propietaria, iniciáronse os trámites para a legalización das obras. A proposta da propiedade foi rexeitada en varias ocasións. O Concello baseou a súa decisión nos informes dos técnicos municipais, nos que se constataba que non se podía edificar na superficie do aparcadoiro en tanto non se desenvolvese a unidade de intervención UI-1, ao estar incluídos estes terreos nese polígono de actuación.

En concreto, a edificación cuestionada polos técnicos é o acceso peonil ao aparcadoiro subterráneo, onde se sitúa a cabina e as máquinas de pago dos billetes. Ademais, no seu momento esgrimiuse que os traballos que se pretendían legalizar non eran "pequenas reformas, senón obras de modificación substancial" sobre a licenza orixinal do aparcadoiro, que afectaban á rampla de acceso de vehículos ou ao cambio de localización das chemineas de ventilación.

Por outra banda, o informe municipal aseguraba que a solicitude de legalización de obras presentada pola empresa propietaria non cumpría a normativa de seguridade contra incendios. "A certificación da idoneidade técnica do sistema deberá achegarse antes da súa instalación", dicía o informe realizado en 2011. Desde entón, a propiedade fixo varios intentos de legalización da obra, pero non o conseguiu.

Comentarios