O Concello de Lugo pagou xa a Gestagua 20 millóns sen contrato

O PP critica que siga sen sacarse a concurso a xestión da Etap e a Edar desde 2011
Planta depuradora municipal
photo_camera Planta depuradora municipal

A empresa multinacional Gestagua leva cobrado do Concello desde o ano 2011 uns 20 millóns de euros por servizos prestados na estación depuradora e na potabilizadora sen mediar un contrato polo medio, unha situación que foi denunciada este venres polo portavoz municipal do PP, Jaime Castiñeira, que a cualificou de "a enésima irregularidade de Lara Méndez".

O popular explica que, desde que finalizou a prórroga do contrato para a xestión da Estación Depuradora de Augas Residuais (Edar) en novembro de 2011, a empresa facturou ao Concello uns 10,3 millóns de euros, así como outros 8,8 millóns polos mesmos traballos na Estación de Tratamento de Auga Potable (Etap), tamén sen contrato desde febreiro de 2011. "Se temos en conta que por encargarse das dúas plantas vén cobrando ao mes uns 270.000 euros e que o panorama non ten visos de cambiar, moi facilmente a cifra dos 20 millóns de euros non tardará en quedar pequena", advertiu Castiñeira.


O goberno local segue sen readjudicar os contratos das dúas plantas e tampouco reorganizou o persoal do servizo de augas


O edil popular tamén cre que, aínda que mañá chegásese a regularizar a situación, "esta contía tamén se superaría igualmente, dado que Gestagua rexistra as súas facturas ante o Concello con meses de demora". Ademais, recorda que as tarefas na potabilizadora asumíronse no seu día cun simple contrato de posta en marcha e non de xestión, mentres que no caso da depuradora "o único contrato que había é para a estación vella, non para a nova, o que pode engadir algunha implicación legal".

Castiñeira cualifica de "escandaloso que pase un ano tras outro sen que José López Orozco antes nin Lara Méndez agora dean un mínimo paso ou fagan un mínimo xesto do goberno para que unha actuación que debera ser excepcional non acabe convertida na práctica habitual de contratación deste goberno".

Neste sentido, advertiu á alcaldesa das consecuencias legais que pode supor un "levantamento compulsivo" dos reparos de legalidade da intervención municipal para o pago destas facturas e sen que se adopten medidas correctoras, dado que sinala que "poida que á Xustiza non lle sirva ese comportamento". "Permitirlle ás empresas seguir facturando sen licitar os contratos de novo e a propósito ten unha consideración e unha tipificación legal moi clara", engade.

Así mesmo, o portavoz popular calcula que, de haberse axilizado a readjudicación destes dous servizos, o Concello podería conseguir un aforro de entre un 20 e un 30%, tendo en conta a media de baixas con respecto ao orzamento que ofertan as empresas que optan a concursos municipais. "Os cinco millóns de euros que lle levamos regalado a Gestagua estarían moito mellor destinados ao saneamento de barrios e parroquias do Concello", apunta Castiñeira.

EMPRESA MUNICIPAL. O atraso na readjudicación destes dous contratos arrástrase desde que o goberno de Orozco apostase hai anos estudar a posibilidade de crear unha empresa municipal que se encargaría da xestión do ciclo integral da auga. Con todo, tras coñecerse que a lei impide que este tipo de empresas poidan ter pérdidasal cabo duns anos de crearse, provocou que o executivo renunciase a esta empresa.

Con todo, desde entón o goberno local segue sen readjudicar os contratos das dúas plantas e tampouco reorganizou o persoal do servizo de augas, dado que á parada vella potabilizadora están aínda asignados catro traballadores municipais que non teñen funcións concretas.