O Concello comunica aos veciños de Muxa que vai tirar os nichos ilegais

O proxecto municipal inclúe a derriba de toda as sepulturas, pero os afectados insisten en que a sentenza do TSXG só ordena demoler uns cantos e clausurar os demais
Pintada en el cementerio de Muxa que reza: "Los muertos son sagrados"
photo_camera Pintada en el cementerio de Muxa que reza: "Los muertos son sagrados"

O conflito derivado da sentenza que declara ilegais máis de medio centenar dos nichos do cemiterio de Santa María de Muxa deu un paso máis, co envío de cartas por parte do Concello aos veciños afectados nas que lles comunica que aprobou a iniciado o procedemento de contratación da demolición dos nichos. Nesas misivas, indícase que este procedemento podería estar finalizado en menos de seis meses.

O Concello aprobou hai unhas semanas un proxecto para a derriba dos nichos afectados pola sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que, a instancias dun veciño, declarou ilegais os construídos no espazo onde anteriormente estaba o muro e outros próximos a estes. Moitos deles levan levantados e en uso máis de corenta anos. O Concello sacará a concurso por 123.000 euros as obras de demolición, que logo repercutirá nos veciños propietarios das sepulturas.

Por iso, nas cartas que enviou aos afectados indícalles que se algún deles decide realizar pola súa conta os traballos necesarios, o comunique por se é necesario variar as condicións do proxecto aprobado.

Con todo, hai polo menos dous problemas que persisten. Un é a retirada dos restos dos nichos ocupados. Aínda non se sabe de que modo se vai realizar nin cal é o organismo responsable. O Concello de Lugo entende que debe ser a Consellería de Sanidade a que se faga cargo do traslado dos restos, pero esta negou que fose súa a responsabilidade da exhumación dos cadáveres.

Sanidade considera que a ela só lle compete dar os permisos, pero que as tarefas de exhumación e traslado dos corpos debe ser realizada por unha empresa autorizada.

Outro dos problemas aínda sen solución, segundo explicou onte o avogado dos afectados, Ángel Vellé, é a forma en que se vai a executar a sentenza do TSXG. O proxecto do Concello inclúe a derriba da totalidade das sepulturas, pero a sentenza precisa que os nichos a derrubar son os levantados sobre o antigo muro do cemiterio, un muro que ademais debe ser reposto. Para o outro grupo de nichos, os situados no perímetro do camposanto, só determina que deben ser clausurados, pero en ningún momento fala da súa demolición.

Xa que logo, a confusión polas contradicións entre as administracións únese á indignación dos veciños de Muxa que se van a ver obrigados a exhumar os restos dos seus seres queridos, algúns deles sepultados hai varias décadas, ademais de pagar todo o proceso. De todos os modos, segundo puido saber este diario, algúns veciños xa iniciarían de motu propio os labores para a exhumación e traslado. No entanto, está previsto que en agosto se celebre unha reunión entre os afectados para tomar algunha decisión definitiva ao respecto.

En calquera caso, o que estes conflitos entre administracións está a darlles de momento é tempo, xa que parece moi difícil que o Concello poida empezar a demolición antes de setembro.

Mentres tanto, a tensión na parroquia que creou a sentenza non diminuíu, nin sequera coa absolución dunha das veciñas que foi acusada polo pedáneo de Muxa, e denunciante dos nichos, de ter ameazado, tras a aparición dunhas pintadas na tapia do cemiterio.

Comentarios