O BNG pide a implicación da Deputación lucense para facer un museo na casa de Fidel Castro

O grupo levará unha iniciativa ao pleno provincial xa que entenden que a figura do dirixente cubano "transcende o compoñente ideolóxico e político"
Antonio Veiga y Xosé Ferreiro
photo_camera Antonio Veiga y Xosé Ferreiro

O grupo provincial do BNG levará unha iniciativa ao pleno da Deputación de Lugo para que a institución se implique na creación dun museo dedicado ás raíces familiares de Fidel Castro na casa do seu pai, no municipio lucense de Láncara.

Segundo informaron en rolda de prensa este xoves os dous deputados provinciais do BNG, Xosé Ferreiro e Antonio Veiga, a súa intención é que "este espazo dedicado a esta figura mundial sexa posto en marcha" mediante a colaboración do Concello de Láncara e a Deputación de Lugo.

Xosé Ferreiro insistiu en que a figura de "Fidel Castro transcende o compoñente ideolóxico e político", porque foi unha "figura crave" na historia do século XXI e "un referente para moita xente".

O alcalde de Láncara, Darío Piñeiro (PSdeG), confirmou que o Concello está "a negociar" a través do "consulado" de Cuba unha posible cesión da casa familiar do Castro, co obxectivo final de convertela nun museo sobre as raíces familiares de Fidel.

Piñeiro explicou que o Concello levaba tempo con esas negociacións, que quedaron temporalmente aprazadas por mor da "sorpresa" pola morte de Fidel Castro, pero que o goberno local espera recuperar cando a normalidade regrese ao país caribeño.

Darío Piñeiro explicou que o Concello de Láncara necesita facerse coa titularidade do inmoble, mediante unha posible compra do mesmo á familia Castro, ou ben conseguir unha cesión por un tempo mínimo de 25 anos.

Recoñeceu que a operación, en calquera das súas variantes, non será sinxela, porque se trata da "típica" propiedade rural galega "indivisa", que seguramente pertence a todos os herdeiros da familia Castro.

En todo caso, confía en que chegue a bo porto para crear un museo no que o goberno local ten postas moitas esperanzas, polo significativo que sería para un municipio do rural galego como Láncara.

Comentarios