Os novos graos de Empresa e Tecnoloxía e de Bioquímica estréanse con 45 prazas

A oferta do Campus Terra é a que máis se renova de Galicia para o curso 2020-2021 e a única que suma titulacións dentro da USC ►Lugo incorporará ademais a experiencia piloto do primeiro grao aberto de toda a universidade, denominado 5USC Enxeñarías
A oferta do campus lugués anda arredor da vintena de graos para o curso 2020-2021. SEBAS SENANDE
photo_camera A oferta do campus lugués anda arredor da vintena de graos para o curso 2020-2021. SEBAS SENANDE

O Campus Terra de Lugo arrincará o vindeiro curso 2020-2021 cun importante salto na súa oferta formativa, tanto en número de titulacións como de prazas dispoñibles ou mesmo de modalidades de estudo. Unha renovación que afonda no xiro cara as novas titulacións da hiperdemandada familia profesional STEM -ciencias, tecnoloxías, enxeñarías e matemáticas- iniciada xa este curso coa implantación do grao de Robótica e que terá continuidade o vindeiro outono con dúas novas titulacións: unha de Bioquímica e outra de Empresa e Tecnoloxía.

A súa impartición en Galicia será exclusiva no campus lugués, cun total de 45 prazas cada unha das carreiras, o mínimo que esixe a Administración para os denominados campus periféricos.

Así o acordou o consello de goberno da Universidade de Santiago de Compostela (USC) nunha reunión maratoniana na xornada do mércores na que, entre outros asuntos, abordouse a oferta de prazas para titulacións de grao, máster e doutoramento de cara ao vindeiro curso, que aínda presenta moitas dúbidas a raíz da crise sanitaria do Covid-19.

En total, a USC porá a disposición do alumnado 4.587 prazas en graos, 1.544 en estudos de máster e 820 en doutoramentos, o que supón 29 máis que neste curso.

O grao de Bioquímica, pola súa banda, representa un importante atractivo para o Campus Terra

A APOSTA LUGUESA. No caso do Campus Terra, fontes da USC confirmaron que non se perderá ningunha titulación en 2020-2021 -máis alá de que poida haber algunha modificación puntual e simbólica de prazas nalgunha-, mentres que se sumarán os dous novos graos, que cos 17 existentes sumarán 19. O de Empresa e Tecnoloxía impartirase na Facultade de Administración e Dirección de Empresas (Ade) e o de Bioquímica na de Ciencias.

No caso do primeiro, vén a substituir dalgún xeito o grao de Xestión de Pequenas e Medianas Empresas implantado no curso 2018-2019 e que non tivo demanda suficiente para mantelo. Agora, segundo fontes da USC, confían en que a nova titulación seduza o alumnado, especialmente para aqueles universitarios cun perfil emprendedor.

O grao de Bioquímica, pola súa banda, representa un importante atractivo para o Campus Terra e, de feito, tiña outras noivas, empezando polo propio campus compostelán, que é onde se asenta a facultade de Química.

Ambas as dúas carreiras están en proceso avanzado de tramitación para a súa verificación, que depende en última instancia da Administración central, unha vez pase tamén pola Consellería de Educación.

A oferta máis atractiva do campus lugués no vindeiro curso completarase ademais coa implantación do único grao aberto da USC

Mentres, no resto de Galicia hai pendentes de implantación outros catro graos novos para o vindeiro curso. Serían os de Deseño e Creación -para Pontevedra- e Xeoloxía na Universidade de Vigo e os de Nanociencia e Nanotecnoloxía e Arquitectura Técnica na UDC. Así, no referido a estudos de grao, o campus de Lugo será o que máis incremente a súa oferta en toda a comunidade.

No caso da USC, tamén acordou o mércores unha modificación do grao en Bioloxía e novas propostas de máster en Nanociencia e Nanotecnoloxía, Visión por Computador e Planificación e Xestión Territorial, todas para Santiago.

GRAOS ABERTOS. A oferta máis atractiva do campus lugués no vindeiro curso completarase ademais coa implantación do único grao aberto da USC, ao que tamén deu luz verde o consello de goberno do mércores. Denomínase oficialmente Programa de Grao Aberto 5USC Enxeñarías e ofertará 10 prazas entre a Facultade de Ciencias e a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría.

Nestes centros, os alumnos poderán elixir unha serie de materias no primeiro ano e medio que despois lles permitan escoller entre cinco enxeñarías: Agrícola e Agroalimentaria, Civil, Forestal, Procesos Químicos e Robótica.