As novas restricións baleiran o interior de bares e restaurantes

A nova normativa entrou en vigor este sábado e con ela a obrigatoriedade de presentar certificado de vacinación, un resultado negativo de menos de 72 horas ou un xustificante de pasar a enfermidade 
certificado
photo_camera Unha lucense ensina o seu certificado de vacinación para entrar nun local. XESÚS Ponche

As novas restricións para os negocios de hostalería en Lugo entraron este sábado en vigor. A meteórica subida de casos covid na capital da provincia provocou que agora sexa considerada como localidade de nivel alto, o que implica que para consumir no interior de bares ou restaurantes é obrigatorio presentar un certificado de vacinación, un xustificante de strong <>resultado negativo nunha proba de covid con menos de 72 horas de antigüidade, ou un documento que xustifique o haber pasado a enfermidade.

Esta medida volveu a afectar directamente a unha hostalería lucense que, na súa primeira xornada con estas novas normas, sufriu o cambio de cheo. O panorama deste sábado no centro da cidade reflectía terrazas cheas ata a bandeira á hora da comida, algo que contrastaba por completo cos interiores de locais, absolutamente baleiros, sen contar algunha excepción.

Os encargados de bares e restaurantes coincidiron no discurso ante esta nova situación, contando que ao longo da mañá non tiveran practicamente a ninguén na parte interior, pero que os postos exteriores estaban constantemente ocupados.

Tamén sorprendeu aos hostaleiros o descoñecemento dalgúns veciños, que entraban aos locais a consumir sen ter consciencia deste cambio de normativa. As escasas excepcións que si estaban ao tanto entraban ao interior dos bares, de forma xeneralizada, xustificándose cun certificado de vacinación.

Tendo isto en conta, o encargado do bar A Xarra explicaba que «para o grupo de idade de 20 a 29 anos é practicamente imposible poder entrar ao interior, así que o aforamento queda limitado á xente máis maior ou á que xa pasou a enfermidade». Respecto das medidas, tanto el como outros hostaleiros da zona coincidían en que se segue dando o mesmo uso que antes ás terrazas, pero a diferenza radica en que agora non se pode aproveitar o espazo interior, que é o que vai provocar a perdas.

RESERVAS CANCELADAS. Locais máis enfocados á parte de dar comidas, como o bar sushi Sibuya, lamentaban tamén que case todas as persoas que reservaran mesa para este fin de semana chamaron para cancelar as súas citas, en vista destas novas restricións.

Aínda así, puideron amainar as perdas coas mesas que dispoñen a pé de rúa. Non foron o único negocio que aproveitou o exterior para seguir dando para comer. Ao longo das terrazas destes locais máis céntricos, era bastante común ver a familias e grupos de mozos—que non podían entrar, na maioría de casos, porque os máis pequenos aínda non estaban inmunizados— degustando as súas comidas ao aire libre.

Isto, en gran parte e como contan eles mesmos, debíase ao bo tempo do que gozaron na capital lucense en torno ao mediodía, cun sol constante entre algunhas nubes e unha temperatura bastante agradable. Varios consumidores afirmaban que nou lles importaba moito comer nas terrazas se tiñan este panorama, pero que en caso de chover ou facer frío, seguramente refugasen a opción para comer fose.

Unha escena algo rechamante nesta primeira xornada de restricións foi a que se viu nalgúns restaurantes de comida rápida do centro comercial As Termas. Alí si acudiron varias familias acompañadas dos seus fillos para comer dentro dos locais. O persoal destes establecementos, en consecuencia, encargouse de cumprir a normativa sanitaria solicitando os documentos necesarios ás familias que acudían.

NIVEL DE RESTRICIóNS. Lugo vese nesta situación pola súa inclusión no nivel de risco alto. Xunto a ela, tamén se atopan as outras seis grandes cidades galegas, e os concellos lucenses de Monforte de Lemos, Chantada, Ribadeo e Cervo. Por encima deste nivel só atópase o máximo, no que se sitúan Monterroso, Viveiro, Foz e Burela. Nestas catro localidades, repiten as mesmas restricións que no nivel alto, exceptuando que o aforamento interior da hostalería é dun 30% do total, no canto dun 50%.

O resto de municipios, que están por baixo do nivel alto, manteñen o lecer nocturno aberto e permiten o acceso ao interior da hostalería sen xustificante.

Reaccións: Os hostaleiros da provincia, enfadados
Fóra da capital lucense, varios establecementos expresaron o seu descontento coas novas medidas tras a súa primeira xornada.

Vilalba

Manuel Montero,
encargado do restaurante Montero, en Villalba, quéixase do "embolado" en que están os hostaleiros. Alí están en nivel medio, polo que non necesitan esixir documentación, pero a xente leva días chamando a preguntar ao local. Desde entón, canceláronlles ata cinco banquetes, ademais de varias reservas a maiores. Montero mostrouse indignado porque "sempre paga a hostalería".

A Mariña

Juan López, xerente do hotel O Cabazo, en Ribadeo, e
xplica que pecharon ao público o seu restaurante, pero solicitan xustificante cando algún hóspede baixa ao comedor en calquera momento do día. Aos clientes que veñen con xente sen vacinar solicítalles a documentación, máis que nada para que saiban o que lles van a pedir nos locais. Por agora, os seus hospedados están a respectar todas as medidas.

Ribeira Sacra

Manuel Fernández, do restaurante Manuel Bistró, en Monforte,
destaca o desinformada que está a clientela, que chama ao local para preguntar polas restricións. Tamén denuncia o aumento de traballo en papelorio que tiveron, dicindo que "dannos os labores que corresponderían a outros".

Tamén en Monforte, o restaurante JM leva un bo verán a nivel de negocio. Con todo, o seu xerente Ricardo García quéixase, sobre todo, de ter que pedir os xustificantes. "¿Quen son eu para pedir nada? Vai ser unha lea", declara.

A Faragulla, en Chantada, tamén evitou unha onda de cancelacións grazas á súa terraza. O persoal deste local afirma que a maioría dos que anulaban os seus reservas eran grupos grandes de xente que superaba o número permitido por mesa

Comentarios