
O grupo municipal do Partido Popular criticou que o novo auditorio de Lugo, cuxo acto de recepción por parte do Concello tivo lugar o 23 de xuño, continúa pechado e sen data de apertura, tras un investimento realizado pola Xunta de Galicia que superou os 20 millóns de euros.
"É inaceptable que logo de oito meses coas chaves en propiedade e tras catro anos atrasando a recepción, desde que terminou a obra", dixo o viceportavoz do PP de Lugo, Antonio Ameijide, "PSdeG e BNG sexan incapaces de abrir esta infraestrutura".
O edil popular dixo que "a estas alturas non sabemos de quen depende esta infraestrutura", pero afirmou que "mentres o bigobierno non concrete a data para abrir o edificio, o contido que lle vai a dar e a planificación de gastos de mantemento", o PP repetirá "accións mensuais ás portas do edificio, invitando a sumarse a veciños e colectivos lucenses".
Pola súa banda, a edila Beatriz Vázquez afirmou que cada día que pasa empeora a situación "tanto exterior como interior", dado que "un edificio desa envergadura, pechado, con falta de ventilación e mantemento" está a deteriorarse e "os danos xa son visibles".
"DEFICIENCIAS". O goberno local, con todo, afirma que o auditorio non está "en condicións" para a súa apertura ao público "porque a Xunta de Galicia entregou o edificio e as instalacións, tras quince anos de espera, cunha serie de carencias e deficiencias" que a administración local debe solucionar para "garantir a seguridade dos usuarios".
Na mesma liña, o goberno local afirma que a "Xunta de Galicia" era "coñecedora desas deficiencias", porque o día da recepción das chaves, o 23 de xuño, o Concello solicitou que fosen incorporadas na acta de recepción os "informes técnicos municipais" sobre as condicións nas que se entrega o edificio.
Nunha primeira valoración técnica, estimábase, engade o Concello, en máis de 300.000 euros o investimento necesario por parte da administración local para a súa inauguración e posta en marcha.
De feito, o Concello afirma que xa gastou máis de 31.000 euros para "un acondicionamento mínimo da instalación eléctrica" e agora está en marcha a redacción dun proxecto, no que investirá 13.310 euros, para aclarar as "actuacións que hai acometer para pór en marcha as distintas instalacións, as reparacións que necesita o edificio" e os traballos para adecuar a súa contorna.
O Concello afirma que ese traballo estará listo este mes, de modo que, unha vez revisado polos servizos técnicos, licitaranse as obras necesarias por parte do servizo de contratación.