Unha nova empresa de Lugo é vítima dunha estafa informática de 5.000 euros

Os ciberdelincuentes conseguiron facerse coas claves das contas bancarias da firma para poder levar ese suculento botín
Un ordenador portátil. EP
photo_camera Un computador portátil. EP

As estafas informáticas están á orde do día. A provincia de Lugo non é allea a esta moda delituosa que disparouse en todo o país durante a pandemia ao incrementarse as operacións a través de internet. As vítimas son tanto empresas como particulares. O último caso que transcendeu é o dunha sociedade lucense á que lle subtraeron máis de 5.000 euros.

Unha das socias atopouse con que as contas correntes da empresa estaban bloqueadas. Ao consultar ao banco, a entidade financeira advertiulle de que adoptara esa medida de forma preventiva ao detectar movementos que lle resultaron sospeitosos. Cando se reactivaron, comprobaron que faltaban eses máis de 5.000 euros.

A firma que foi vítima desta estafa informática presentou a correspondente denuncia na comisaría da Policía Nacional da capital lucense.

Os investigadores tratan agora de determinar como se puideron facer os ciberdelincuentes coas claves das contas da empresa para cometer a subtracción e rastrexar onde foi a parar o diñeiro.

Este caso faise público cando outra empresa de Lugo, Areal Perfumerías, tamén sufriu unha estafa informática por un importe moito máis cuantioso, 180.000 euros.

A distribuidora lucense subtraéronlle esa elevada suma de diñeiro mediante unha técnica coñecida como phishing.

Areal sufriu recentemente unha estafa por valor de 180.000 euros

Os ciberdelincuentes hackearon os datos dun provedor habitual de Areal Perfumerías para facerse pasar por el e enviaron dúas facturas por correo electrónico á distribuidora lucense, que o seu departamento financeiro abonou os días 2 e 11 deste mes ao ter toda a aparencia de que eran reais.

DESTINO FORÁNEO. A pista do diñeiro levou a unha conta en España dun banco online, que evidentemente non se correspondía coa do provedor, e desde aí foi desviado a outra que se atopa en Panamá.

A resolución destes casos demórase no tempo, pero non todo está perdido, segundo precisan fontes policiais. Se a esa conta internacional chegan varios ingresos irregulares poderíase solicitar unha comisión rogatoria, que é un procedemento de auxilio xudicial entre estados para obter probas no estranxeiro.

Areal Perfumerías recibiu outro revés nos últimos días. A tenda que ten no centro comercial Os Rosales da Coruña foi roubada na noite do sábado ao domingo. Os ladróns levaron un botín de 42.000 euros, entre diñeiro en metálico e produtos.

A empresa de seguridade privada que presta servizos á distribuidora lucense aseguraba este martes que os asaltantes non inutilizaron as alarmas da tenda no centro comercial herculino porque non dispuña delas.

Aínda que os casos de contías máis suculentas son os de empresas, os cidadáns do montón, segundo sinalan fontes policiais, tampouco se libran deste tipo de estafas, que proliferaron durante a pandemia.

Comentarios