A nova empresa de cátering escolar estréase con desempeño irregular

O servizo no IES Ollos Grandes foi aceptable, mentres que no Lucus Augusti tivo que axudar o equipo directivo a distribuír a comida e volveuse usar vaixela de plástico

Cocina del Basanta Silva. M.ROCA
photo_camera Cociña do Basanta Silva. M.ROCA

A empresa compostelá Aira fíxose cargo este luns, por primeira vez, da xestión dos comedores escolares que ata a semana pasada dependían da firma salmantina Gescor, á que a Consellería de Educación rescindiu o contrato tras unha serie de incidencias que deixaron a varios centros lucenses sen comida, entre eles os institutos Lucus Augusti, Nosa Señora dos Ollos Grandes e o vilalbés Basanta Silva -en cuxas cociñas se prepara o cátering que logo se distribúe aos outros dous -. A primeira xornada tivo resultados irregulares, pois mentres no Ollos Grandes todo se desenvolveu de xeito aceptable, no veciño Lucus Augusti o equipo directivo tivo que botar unha man para facer a repartición da comida porque a empresa só enviou a unha persoa para facer este labor e non daba abasto. Ademais, foi necesario utilizar vaixela de plástico.

A diferenza do que sucedeu en días pasados, as cociñeiras do IES Basanta Silva tiveron subministracións para elaborar o menú, aínda que chegaron un pouco máis tarde do esperado e iso obrigounas a apurar nos fogóns e a enviar o cátering cun pouco de atraso. A falta de abastecemento foi produto da falta de pagamento a provedores da anterior empresa, que tamén debía soldos ás traballadoras.

DESENVOLVEMENTO. A comida chegou a última hora da mañá aos dous institutos da capital, pero mentres no caso do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, onde os luns hai 48 usuarios, ocupáronse da distribución do menú dúas persoas, no IES Lucus Augusti, que só conta con servizo os luns e atende a 65 persoas, só houbo unha traballadora para ocuparse da distribución da comida.

"Fai falla máis persoal e que veña con tempo suficiente para montar", indicou o director deste centro, Carlos Cazón, que indicou que a traballadora fixo o que puido, pero "unha persoa é claramente insuficiente para atender o servizo", apuntou. Ademais, foi necesario usar vasos e pratos de plástico por falta de vaixela de louza. Cazón expresou o seu desexo de que o luns que vén os problemas estean solucionados.

No IES Ollos Grandes, o comedor funciona todos os días, aínda que de martes a xoves hai 20 usuarios, menos da metade que os luns. O director do centro, Ramiro Gayoso indicou que neste caso, "a comida foi suficiente e chegou á súa hora, sen problema". Ademais, estivo a observar como se desenvolvía o servizo, que foi levado a cabo por dúas persoas, e en ningún momento foi necesario que os docentes interviñesen para botar unha man. Neste caso, ademais, usouse vaixela de louza.

Na primeira xornada, os escolares comeron menestra de verduras e legumes de primeiro prato e peixe fritido con patacas cocidas, de segundo.

Comentarios