Seis nenas resultan feridas tras romper unha randeeira durante un aniversario en Lugo

A Policía inspeccionou o lugar para determinar as circunstancias nas que se produciu o sinistro
El columpio que sufrió la rotura, actualmente precintado. EP
photo_camera A randeeira que sufriu a rotura, actualmente precintada. EP

Seis nenas sufriron feridas de diversa consideración tras romperse unha randeeira instalada no parque infantil do Club Fluvial de Lugo, nas inmediacións das pistas de tenis da entidade.

O suceso rexistrouse arredor das seis da tarde do pasado sábado, cando as menores estaban no recinto celebrando un aniversario e subiron a unha randeeira de gran tamaño, que estaba ancorada a uns listóns de madeira. Nun momento dado, cando a randeeira alcanzara a altura máxima, a madeira rompeu e as nenas caeron ao chan, unhas sobre outras. Ademais, algunhas delas caeron sobre os tablóns que se desprenderan.

As menores, que viviron momentos angustiosos, foron trasladadas polos seus proxenitores a diferentes centros hospitalarios, onde foron atendidas das súas lesións. Unha das nenas sufriu unha fractura nun brazo, mentres que outra presentaba unha fisura no coxis e outra nas costelas. Ademais, a máis pequena, duns cinco anos, tiña unha ferida profunda nun ollo, polo que lle tiveron que aplicar varios puntos de sutura. As outras dúas feridas sufriron arañazos e hematomas.

A Policía Nacional de Lugo recibiu xa polo menos unha denuncia por este accidente e axentes da brigada científica inspeccionaron o columpio —que adoita estar moi concorrido— para determinar as circunstancias nas que se produciu o sinistro.