Necroloxía. A última utopía libertaria

A modo de obituario para o noso amigo Paco Pestana
Paco Pestana. SEBAS SENANDE
photo_camera Paco Pestana. SEBAS SENANDE

O presidente da asociación castroverdense Amigos do Patrimonio, o incansable loitador Manolo Muñiz, encargoume hoxe a difícil tarefa de dicir unhas palabras de despedida ao noso amigo común Paco Pestana.

—Queres que escriba un obituario? —pregunteille—. Buff, é un xénero que me queda grande. Nunca sei que dicir.

—Di o que sintas —explicoume Manolo, entristecido fondamente pola nova tan repentina da súa morte.

Sentei entón a escribir algo para ti, Paco, e foi como se te estivese oíndo.

—Anxeliña, mira o que fas, nin se che ocorra gabarme con salmos gastados de descansos de paz, ou en guerra, nin brillos do sono dos xustos, e dos inxustos, nin descansos eternos polos séculos dos séculos. Fuxe tamén das fórmulas protocolarias sobre a vida e a morte e non me vendas tampouco á mercé do tópico nin do epíteto porque os dous sabemos que son mentira. Para falar de min, vai á esencia —faloume o querido Paco.

Efectivamente, a esencia é a única música posible para despedirmos hoxe ao escultor Paco Pestana e acompañalo no seu regreso ao Peredo natal, hoxe silencioso e apesarado, para que abesulle outra volta os paxaros, por entre as pólas dos carballos de Castroverde que choran tamén a súa morte, esa que o filósofo romano Marco Aurelio definiu como a disolución do home na materia universal do cosmos.

Nese cosmos que son os eidos da infancia, onde agora estás, só, coa luz azul que baixa da Bacariza e da Marronda, para envolver o teu corpo en sombra, existindo outra volta nos camiños e fragas, nos leiros e veigas, ao tempo que comprendes que a vida é un soño curto de impagables beizóns, e nós quedamos aquí un pouco máis sós.

—O tópico, non, Anxeliña, que che dixen? —bóurame Paco.

Sós, sen o grande escultor, sen o poeta de esencias telúricas, sen o artista de performances, sen o o conversador infatigable, sen o orador inmensamente lúcido.

Dicía o teu admirado poeta Jaime Gil de Biedma, parafraseando a T.S. Eliot, que lle tería gustado ter sido poema, penso que foi exactamente iso é o que ti fuches, Paco: poema, escultura, palabra, personaxe, vestidos con esa máscara social que é a roupa, que en ti foi signo sempre de reivindicación constante do dereito á fantasía, á provocación como última utopía libertaria, única patria dun home que, por máis que fose lexionario e demostrase o militar valor patrio, só tivo matria, Peredo (Castroverde), a Galicia profunda e ancestral, telúrica, agraria, onde se impregnou para sempre da esencia do rural no campo, coas estación e os ciclos da natureza, os instintos atávicos e o irracional, o individual e o colectivo, e a lingua. Que dominio tan admirable tiñas, Paco, falabas nun galego que recibiches e devolvías puro, intacto, coa cerna de tempos monolingües máis ventureiros, un galego que nos está marchando, ou que xa se nos foi, e con que precisión e acerto designabas con el o mundo!

Fiel só a ti mesmo, individualista, sempre, un pouco solipsista ás veces, en clarividente progresión cara a libertinaxes estéticas e estilísticas, autodidacta infatigable, que un día, xa afastado, comprendeu que se identificaba coa liberdade creadora, freudiana,e onírica do Surrealismo, polo que este ten de transgresión, de desafío e de crítica ao gusto burgués do que quere o Gran Público, que nunca sabe ben o que quere.

Fuches un oficiante da madeira que reinterpretou constatemente as súas formas ata resignificalas artisticamente e arrincarlles formas, cores, relevos, luces, aderezos, enfeites que foron vacas, touros, lagartos, dinosauros, vermes, sexos perfumados de muller ou vaxinas como pétalos de rosas e mulleres de peitos de leite que son matriarcas do pan de centeo, xenios dun mundo animal inventado, un bestiario riquísimo de seres irreverentes, sempre desconcertantes e, ás veces, obscenos.

—Elementos todos necesarios para fuxir das convencións e desafiar un sistema que nos aliena porque só o amor é liberdade, só o sexo é sublime. Cando tallo donceis de falos poderosos son consciente de que a natureza falocéntrica das miñas obras crea arquetipos cargados de vigor sexual, que representan o poder masculino. Tamén os meus seres bicéfalos son felices porque reprimen os impulsos. Quixen sempre que na miña obra o obsceno e o oculto se tornase exquisito, sublime, talvez —fálame Paco.

—Lográchelo, Paco; o pracer e o instinto na túa obra resultan sempre honestos e fermosos, Paco.

Fóisenos o poeta, o escultor, o oficiante da palabra elocuente, mordaz, ás veces, e tamén un pouco tenra, outras, o home que gustaba do detalle e do adxectivo adecuado, punzante, complexo, elaborado, atento ao matiz.

—Que gran narrador terías sido, de te teres sentado a escribir! Sabes que cho dixen moitas veces cando faciamos as andainas polo noso territorio e te escoitaba reinterpretar o mundo con zumegante alegría e sátira intelixente e aceda, afectiva, de cando en cando, sutil sempre e fondamente humana, cando che daba a gana, de abrupta e desconcertante sinceridade, unha boutade creativa a túa de ferveza entolecida, Paco, que quedará con nós, que te escoitamos falar do mundo como un enorme escenario teatral inabarcable, no que ti fuches sempre o actor principal e tamén o secundario, e a voz en off, e a cuarta parede, e o silencio das bambolinas.

—Pero, Anxeliña, fala dese Paco, ao que lle gustaban os berberechos e as tabernas e ao que lle hai que dedicar unha rúa e unha praza en Castroverde e en Lugo e tamén os do Zuncurrundullo bautizar unha peza de muiñeira, non, mellor de pasodobre cañí, que moitos teño bailado nas festas na miña xuventude primeira de mozo bailador.

Paco foi antiburgués, mundano, labrego, cosmopolita, aldeán, culto, cultísimo, de intuición infalible para captar a epiderme oculta do mundo, transversal, complexo, poliédrico, tocado pola calor da risa, vital…

Antes de entrar aquí neste recinto, o teu amigo Felipe Arias comentou que el non falaba por que era imposible definir a túa, Paco Pestana, "é que era moitas cousas, servicial, campechano, lúcido, non hai adxectivos abondos", dixo.

Efectivamente, es inefable coma a poesía dos mellores místicos, coas túas luces e sombras e as túas infinitas pregas e queríamoste así e vasnos faltar sempre. A vaquiña pequena o leite que dá, A sombra espida do poeta, Esperando mercedes veniais, libros todos nos que permanecerá esa palabra túa que agora xa inmortal te define, a infancia en contacto coas forzas primixenias da natureza, o soño revolucionario do Agarimo anarquista, a comuna de Negueira de Muñiz e o amor libre, en contraste coas ensinanzas beatas e pecadoras dunha educación católica chea de medos e culpas, a túa querida amiga Enriqueta Otero, sempre a fuxir dos lobos de camisas azuis, e Dionisios e Baco da man en festa permanente.

Nin un día sen amor, nin un día sen risa, nin un día sen memoria, nin un día sen Paco Pestana porque, contra o esquezo do verdadeiramente importante, houbo unha voz que, dende as marxes dos outsiders, se fixo oír. Esta foi foi a túa, neno de Peredo, que segues a admirar os lagartos e a despedir os paxaros abesullando o mundo por entre as pólas dos carballos de Castroverde.

Comentarios