Nécoras e lagostinos invaden a zona de Portochico esta fin de semana

A coñecida zona de Foz acolle esta fin de semana a sexta edición da Festa do Marisco que o Grupo El Progreso organiza cada ano
La explanada de Portochico es un emplazamiento inmejorable para degustar el marisco
photo_camera La explanada de Portochico es un emplazamiento inmejorable para degustar el marisco

"ATODOS os galegos gústavos o marisco", aseguraban os meus compañeiros de carreira no País Vasco. "¿Comédelo todos os días, verdade?", remataban sempre. E esperaban que a túa resposta estivese acompañada dunha invitación clara a degustar o manxar galego como a que terá lugar o Foz o sábado e o domingo da man do Progreso.

Aínda que todo bo nativo desta marabillosa Terra Meiga goce cunha mariscada, comer máis aló duns mexillóns ou unhas gambas non deixa de ser parte dun acto festivo ou especial, porque en Galicia non se entende ningún gran acontecemento sen marisco sobre a mesa.

Isto é algo no que coincidimos todos os galegos. Do mesmo xeito que sabemos que considerar que comes marisco tendo diante unha ración de ‘gambas ao ajillo’ delátache como ‘estranxeiro’ oficial.

Centola, boi de mar, dúas nécoras e catro lagostinos compoñen unha excelente mariscada para dúas persoas. E se a iso engádeslle uns bos mexillóns da ría pois, ouve, mellor que mellor.

O Grupo El Progreso coñece ben os gustos de nativos e visitantes destas terras e propón plan para este fin de semana: Chaira de Portochico (Foz), unha mesa repleta cos manxares anteriormente citados cocidos en auga de mar -así levan o sal xusto-, a compañía que vostede elixa e prezos moi competitivos.

Todo iso custa só 25 euros para cada parella de comensais; 22 se o compra antes do venres. Ademais, a organización permite adquir a mariscada para gozar no recinto ou ben para levar.

Por sexto ano consecutivo, o Grupo El Progreso organiza a Festa do Marisco á que acoden máis de 4.000 persoas cada edición. A súa localización varía, ano tras ano, entre as diferentes localidades da Mariña lucense. Cervo, Burela ou Ribadeo xa recibiron estas sorprendentes instalacións de 900 metros cadrados.

Este ano, toca a quenda de Foz. A Festa do Marisco celebrarase na coñecida chaira focense, en Portochico, que xa acolleu esta celebración no ano 2012.

O obxectivo principal desta Festa é dar a coñecer A Mariña e promocionar a costa lucense e os seus produtos.

Todo isto é posible grazas a diferentes colaboradores, entre eles o concello de Foz, a Consellería do Mar e Medio Rural e a Deputación Provincial, ademais de numerosas empresas privadas.

MARISCADA GRATIS. A organización abriu un concurso en redes sociais para obter unha mariscada gratis. Para conseguila só teñen que enviar un selfie á páxina de Facebook da Festa do Marisco e que sexa un dos 10 máis votados.

Pero se non é fotogénico e quere acudir, busque acompañante, adquira a súa entrada e achéguese a Foz este fin de semana. A festa permanecerá aberta de 12.00 a 24.00 horas o sábado e o domingo desde as 12.00 ata esgotar existencias. Non dubide en ocupar o asento que o Grupo El Progreso ten preparado para vostede.

Comentarios