Música e instalacións artísticas para celebrar os 20 anos da muralla como Patrimonio Mundial

O groso do programa organizado pola concellería de Cultura celebrarase o luns 30
Lugo romano. AEP
photo_camera Muralla de Lugo. AEP

O Concello de Lugo, a través da concellería de Cultura, Turismo e Promoción daLingua, preparou un programa de actividades para celebrar o vixésimo aniversario da declaración da muralla romana como Patrimonio da Humanidade, que terá lugar o vindeiro luns, día 30 de novembro.

Ese mesmo día, o luns día 30, no Auditorio Municipal Gustavo Freire, terá lugar o concerto 20 pezas para a Muralla, a cargo das corais do Hospital, Solo Voces e Cantar Delas.

As corais participantes interpretarán unha peza musical por cada un dos vinte anos da "nova vida" da muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade.

"A tradición da música coral que hai en Lugo pareceunos a mellor forma de render homenaxe musical á muralla", dixo a edila de Cultura, Maite Ferreiro, quen tamén confirmou que o Concello contará coa Banda Filharmónica de Lugo para esta celebración, con dous pases dun mesmo concerto que terá lugar o sábado día 5.

Ademais, entre o 27 e o 30 de novembro, as portas da Muralla de Bispo Aguirre, San Pedro, Falsa, Miñá, Nova e de Santiago serán o lenzo dunha instalación lumínica elaborada pola artista experimental Luisa Álvarez para conmemorar este aniversario, baixo o título A Sombra da Muralla.

"Nas portas da Muralla realizarase unha instalación artística de luz que representará a silueta de todas as persoas que camiñaron polos muros do noso monumento máis prezado, evocando os diferentes períodos polos que pasou durante miles de anos", explicou Ferreiro.

De feito, a edila animou aos veciños da cidade a fotografar "as súas sombras, que quedarán como testemuño da súa presenza na celebración desta data". O "broche final" de A sombra da Muralla terá lugar o luns, día 30, na Praza de Santa, coa instalación Trampa de Vagalumes.

Comentarios