A música acouga o medo

San Froilán anima o seu ritmo con máis dunha trintena de actuacións musicais previstas para a ponte e Verto como gran reclamo

San Froilán disponse a despedir a súa edición máis peculiar co ánimo polo alto e a bo ritmo, o que porán por toda a cidade unha trintena de actuacións musicais, en formato de concerto ou de pasacalles, que están previstas para esta ponte.

A música tradicional volverá ter un papel protagonista, aínda que sen roubar espazo a grupos como De Vacas (que volverá repetir este sábado actuación logo da do venres), os grupos do Sanfroidance (que comezou este venres) ou Verto, que completará tres actuacións. O grupo de pop urbano galego foi o elixido polo Concello para actuar máis veces porque foi o que primeiro esgotou as entradas, o que dá unha idea do interese que esperta entre os lucenses.

Ademais, a Asociación de Gaiteiros Galegos organiza de novo a que será a XXII edición da Mostra de Música Tradicional do Domingo das Mozas, mostra que contará coas actuacións de 16 grupos de música tradicional galega, chegados desde distintos puntos da comunidade e con distintas formacións (grupos de gaitas, requinteiros, charangas, etc.).

No entanto, non só de música viven as patronais. Esta mañá, Día de Ferrol, cumprindo unha tradición que nin o coronavirus puido interromper, unha delegación do Concello de Ferrol será recibida na casa consistorial.

Outra tradición que se cumpriu onte foi a presentación do libro San Froilán dos Devanceiros, que cumpre o seu 17º edición. A edil de cultura, Maite Ferreiro, foi a encargada da súa presentación xunto con autor, Adolfo de Abel Vilela. A obra, titulada A Exposición Rexional de 1896, conta a historia inédita ata agora da organización e do desenvolvemento do escaparate no que se converteu Lugo e sobre o grao de progreso alcanzado polas artes, a agricultura, a gandería e a industria.

Tamén quixo sumarse á festa a Xunta, que a través da Axencia de Turismo achegou 5.000 euros para a organización da semana cultural do San Froilán, unha festa declarada de interese turístico galego e nacional.

Comentarios