Música á carta

Os DJ marcan o ritmo do mercado festeiro. Foron gañando terreo e xa son o amuleto que asegura o éxito de calquera evento
Kiko Ron
photo_camera Kiko Ron, nun evento da pasada semana en Lugo. EP

A festa é a expresión máis sincera dunha sociedade e un bo indicador do estado dun pobo. Na celebración a xente esquece os convencionalismos e entrégase ao desfrute. Esa relaxación dos límites e a posibilidade de que cadaquén goce como máis lle guste fai da festa un indicador das modas de cada momento e da evolución social. 

E ultimamente algo chama a atención nas celebracións lucenses: os DJ están en auxe. Teñen presenza en todo tipo de eventos e ofrecen propostas musicais novidosas, fáciles de encaixar en ambientes moi diversos e con públicos variados. Están movendo os marcos dos seus redutos tradicionais. Xa non se limitan a sesións de música electrónica ou sobremesas de casamentos. Están en inauguracións de tendas, en presentacións de coches, en degustacións de produtos. Tanto poñen banda sonora á presentación dun libro como a unha festa de fin de ano.

No mes de decembro non lles chegan as páxinas da axenda para anotar compromisos. Unha única persoa coa tecnoloxía que cabe nunha mochila pode converter unha cea rutinaria na festa máis exitosa do ano.

Pero o seu poder vai máis aló. Iluminar un coche no momento exacto da súa presentación, ao tempo que o público queda impactado cun efecto de son; encher o baleiro sonoro dunha degustación de queixo, dunha cata de viño, contribuír a que eses sabores queden grabados na memoria e asociados a un ambiente agradable. A música ten un poder e quen sabe utilizalo é quen de mover o mundo.

Kiko Ron

Kiko Ron ten un currículo a proba de melómanos. Viviu a evolución do sector e foi parte dela. Gañou a vida como DJ durante moitos anos, pero o seu camiño profesional tomou outro rumbo e decidiu reducir as súas intervencións no ámbito musical. Foi precisamente o aumento da demanda deste tipo de espectáculos o que o animou a volver á escena con folgos reforzados e propostas renovadas.

Valora a diversificación de espazos a musicar. "Antes pinchabas en un club, en una discoteca, en bodas, en el cumpleaños de un conocido, pero estos días he estado en una tienda de skates, en otra de ropa... estamos en todo tipo de locales con el fin de quitar el vacío musical y que la gente disfrute más de un evento. Mi función es maridar con música lo que la gente está comiendo, bebiendo... complementar el acto con la música adecuada".

Kiko Ron di que a tecnoloxía e a versatilidade abriron novos espazos para os DJ

Kiko Ron explica que os avances tecnolóxicos permiten esta diversificación de espazos. "Los equipos son cada vez más pequeños, fáciles de transportar. Tanto puedo llevar el ordenador y una controladora en la mochila como hacer un montaje más amplio con platos de vinilo. Me puedo adaptar a un evento grande o pequeño, a las preferencias musicales del público". Ten preferencia pola "música electrónica, house, funk, soul, hip hop... pero si me llaman para una boda también voy".

A súa axenda de decembro ten moitas anotacións. "Diciembre es una caos porque hay reuniones de amigos, de empresas, de clubes deportivos... y hoy una cena sin música ya no cuenta como cena", afirma entre risas.

Manu Chady. SEBAS SENANDE
Manu Chady, cos seus auriculares. SEBAS SENANDE

Manu Chady

Tamén é DJ e coincide en que vai durmir moi pouco este mes. Manu Chady dirixe a empresa de eventos StormCloud e decembro é un momento de actividade frenética. Traballa cun equipo de dez DJ e ningún vai folgar nas vindeiras semanas. "A data de fin de ano está pechada desde hai un mes, pero a demanda aumentou moito para outro tipo de encontros. As ceas de empresa estanse retomando tras a pandemia e tamén hai moita comida familiar, xente que decide xuntarse nun restaurante porque non ten ganas de cociñar na casa nas festas de Nadal e quere ter música", apunta.

Tamén percibiu que cada vez son máis variados os eventos que requiren este tipo de espectáculo. "Tanto participamos nun casamento coma na presentación dun coche. A ventaxa é que non hai límites para este tipo de música, é moi versátil e pode adaptarse a calquera circunstancia e a calquera público", explica.

Manu Chady coordina un equipo de dez DJ que este mes traballa a un ritmo frenético

As actuacións do equipo de StormCloud requiren un traballo previo que Manu Chady considera fundamental. "Personalizamos moito todo para cada evento. O tipo de escenario, a cabina que utilizamos, a robótica que se emprega, os efectos de luz e son máis axeitados e, por suposto, atendemos as preferencias do público". Tamén en función do que o cliente pida "vai un DJ ou outro, porque levamos moitos anos traballando e cada un ten os seus gustos e as súas especialidades".

Manu Chady di que a súa profesión pode compararse coa dun médico. "Tes que estar sempre aprendendo, actualizándote, escoitando música, empapándote do novo ou investigando o antigo que non coñecías".

As anotacións da súa axenda confirman que os DJ están de moda. Xa ten moitos compromisos para o ano que vén e incluso algún para dentro de dous anos. "Os noivos, en canto reservan data para o casamento, tamén buscan restaurante e música. Temos algunha voda para dentro de dous anos e xa estamos falando cos noivos para saber as súas preferencias e ofrecerlles o espectáculo máis axeitado para eles. Procuramos que non lles quede todo para o final", comenta.

En función da demanda, varía ata a tecnoloxía que empregan. "Nunha discoteca o habitual é que utilices o que eles teñen, pero en calquera outro caso montamos nós todo. Temos desde equipos dixitais ata reprodutores clásicos, escenarios de doce metros ou mesas de mestura que se colocan no medio do público e permiten que a xente vexa de cerca como traballas, ao xeito máis tradicional, o espectáculo de poñer música por si mesmo". 

Para ofrecer aos seus clientes esta variada carta musical conta co respaldo de DJ que levan moito tempo facendo bailar. "Ter DJ con experiencia permite tanto traballar coas últimas tecnoloxías como ao estilo clásico porque son profesionais que xa teñen feito de todo", afirma.

Manu Chady cre que os DJ foron gañando peso no ámbito dos espectáculos musicais pola seriedade e profesionalización que foron demostrando ao longo do tempo. "En Lugo hai moitas empresas e cada unha traballa dun xeito distinto, pero todas de maneira moi profesional. Iso é beneficioso para todos, axuda a dar unha boa imaxe do sector". Insiste en que cada vez que se pon á fronte dun evento ten un único obxectivo: "Que o cliente desfrute e que quede contento para que nos volvan chamar outras 200 veces".

David Taboada. LOREN FOTOGRAFÍA
David Taboada, en acción. LOREN FOTOGRAFÍA

David Taboada

É o cabeza visible de Fetén! Producciones, unha firma dedicada a poñer banda sonora a todo tipo de eventos. David Taboada é a cara e a cruz dunha mesma moeda: "Eu son músico e DJ e a miña empresa ofrece os dous tipos de espectáculos".

Desde este amplo punto de vista, David Taboada está en condicións de afirmar que as dúas ofertas musicais conviven e mantéñense no mercado sen problemas. "É certo que o DJ cada vez accede a máis tipos de eventos. Antes estaban encadrados en sesións de música electrónica ou en vodas. Agora chegamos a moitos máis espazos", pero asegura que isto non mingua a contratación de música en directo. "O que pasa é que a demanda aumentou moito e hai traballo tanto para DJ como para grupos de música. A veces incluso combinamos as dúas cousas no mesmo evento. Empezamos cun concerto e rematamos cunha sesión de DJ", comenta.

David Taboada cre que tras a pandemia a xente ten ganas de festa e quere celebracións "máis completas". A isto axuda a oferta de música asequible e adaptada a todos os gustos. "Para pequenas celebracións familiares ou entre amigos funcionan ben os DJ, os dúos, os tríos, formacións pequenas que a xente pode pagar".

David Taboada afirma que músicos e DJ poden convivir porque hai moita demanda

Apunta que as dúas opcións teñen ventaxas. "O DJ é máis versátil e polo xeral os grupos están máis centrados nun estilo de música, pero estes teñen ao seu favor a interacción co público, que funciona moi ben en calquera celebración".

David Taboada leva tempo tocando e pinchando e ten vivido a evolución do sector. "Cambiou moito tanto a demanda como a oferta, pero é unha evolución natural, tanto na música como no público. A oferta cambia constantemente. Non para de saír música nova e hai que actualizarse, pero tamén cambia o público. Os que hai dez anos eran nenos hoxe son os que nos contratan, novas xeracións que se van sumando e novos intereses e gustos aos que hai que atender".

Pero por moito que se analicen os públicos, o panorama musical do momento, as preferencias ou o ambiente no que hai que actuar, sempre pode haber imprevistos. David Taboada ten unha norma: "Hai que pinchar mirando para a pista". Ese detalle é imprescindible. "Non podes perder de vista o público, tes que facelo bailar e non é raro que no medio dun espectáculo teñas que reformular todo o programado". Aí é onde se mide a experiencia do DJ. David Taboada asegura que "en todos os anos que levo traballando nisto nunca fixen unha sesión repetida".

DJ Frisco e Marcos Peón. XESÚS PONTE
DJ Frisco e Marcos Peón, actuando en Lugo. XESÚS PONTE

DJ Frisco

O nome do DJ Frisco vai ligado ao de Marcos Peón e ás pistas de baile das discotecas Troco de Vilalba e Hermo de Muimenta. Nos templos da música disco chairegos xestouse a fusión destes dous homes que levan feito bailar a medio mundo.

O seu éxito manexando música allea animounos a probar coa propia. Deron o salto á composición e ata montaron o seu propio selo musical, Tullido Records. Esta semana, unha das súas cancións, Gloria, chegou ao número 1 na categoría de música electrónica da plataforma de descargas iTunes e ao posto 33 da clasificación xeral.

Frisco afirma con rotundidade que os Dj están de moda e baséase para iso nunha apreciación innegable. "Despois da pandemia produciuse un cambio importante. Quedan poucas discotecas e a xente tense que buscar a vida. As que sobreviviron non abren coma antes, moitas só funcionan en datas sinaladas e no inverno. No verán pechan porque as festas ao aire libre restan público".

DJ Frisco e Marcos Peón teñen disco novo e un tema que está arrasando en iTunes

Con este ámbito laboral restrinxido, "os DJ buscan vías de escape e entran no espazo das orquestras", apunta Frisco. Comenta, ademais, que as sesións en tendas, inauguracións, presentacións "son novidade aquí, pero xa levaban tempo facéndose noutros países e está comprobado que funcionan ben".

Frisco e Marcos Peón estiveron traballando hai pouco en Romanía. "Cada país é diferente. En Romanía as discotecas teñen unha pista de baile moi pequena. Case todo o espazo está ocupado por mesas e a xente baila ao pé delas". É unha das múltiples curiosidades que foron compilando nun periplo musical que tamén os levou a Suíza, México, Colombia... "estivemos en medio mundo", resume Frisco.

Agora están de novo cos pés na súa terra e a punto de sacar unha nova canción. "Chámase My kisses e foi mesturada por Crazy Ibiza", conta Frisco, quen tamén comenta que onte mesmo sacaron un álbum que compila os seus últimos éxitos.

Di que "hai que traballar moito para vivir disto" e reinventarse continuamente. "Non pinchamos o mesmo en Galicia que fóra. Cada público ten os seus gustos e hai que atendelos".

Cada espectáculo require un traballo de análise social previa e moita empatía e capacidade de improvisación. Unha arte con moita tecnoloxía ao seu favor.

Comentarios