O Museo Provincial de Lugo exhibe achados de tres covas do Paleolítico

As pezas expostas proceden dos xacementos de Valdabara (Becerreá), Valiña (Castroverde) e Cova Eirós, en Triacastela

Exposición en el Museo Provincial de Lugo. EP
photo_camera Exposición no Museo Provincial de Lugo. EP

O Museo Provincial de Lugo abre este venres unha mostra temporal con pezas procedentes das escavacións arqueolóxicas de tres covas de xacementos a provincia -Valdabara (Becerreá), Valiña (Castroverde) e Cova Eirós, en Triacastela.

Este último constitúe un dos xacementos paleolíticos máis importantes do noroeste peninsular e foi declarado ben de interese cultural pola Xunta.

A exposición, situada na zona do museo dedicada a Prehistoria e Arqueoloxía e que coincide coa celebración da III Xornada de Divulgación do Patrimonio Histórico Lucense, prolongarase ata o día 31 de marzo.

A colección que se presenta inclúe materiais orixinais extraídos das covas, pero tamén reproducións e paneis explicativos, entre os que destacan restos do Paleolítico Medio rescatados da Cova Eirós, cunha selección de pezas líticas de cuarzo e cuarcita.

A exposición conta tamén cun texto sobre as tres covas lucenses e outras cavidades calcáreas de Galicia que mostran a importancia do seu estudo como espazos de refuxio para animais e grupos humanos prehistóricos.

Comentarios