A muralla, unha fortaleza para a paz

Aroa Pernas e Helena González gañan os premios dunha edición na que a guerra de Ucraína estivo moi presente. A este certame concorreron 2.657 debuxos e redaccións de 44 centros escolares das catro provincias galegas.
Los cinco miembros del jurado que eligieron ayer a los ganadores. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Os cinco membros do xurado que elixiron este mércores aos gañadores. VICTORIA RODRÍGUEZ

Os romanos construíron a muralla de Lugo como unha fortificación militar para protexer a cidade de posibles invasores. Case 2.000 anos despois os escolares que participaron na vixésima segunda edición dos premios Muralla, convocada polo Grupo El Progreso, ven este ben declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco como símbolo da paz.

A invasión de Ucraína por Rusia estivo moi presente no contido de moitos dos 2.505 debuxos e as 152 redaccións presentadas a este certame por escolares de 44 centros docentes das catro provincias galegas. A sustentabilidade, o coidado do medio ambiente ou a protección do patrimonio foron outros conceptos actuais que reflectiron os estudantes nas súas creacións artísticas, que viran en torno ao monumento romano.

Hai debuxos que reflicten profundas mensaxes como As xeracións futuras queren ver a beleza do pasado ou Non loites, non gañas nada coa vitoria.

Javier Arias 
"Combinan a realidade con valores como o coidado do medio ambiente, a igualdade..."

Tamén hai quen aproveitou a súa obra para declarar o seu amor por unha anónima amiga, como sucedeu cun escolar coruñés de primeiro de primaria, duns seis anos de idade, e outros que se mostraron como fans do grupo musical Tanxugueiras.

Blanca García Montenegro 
"As obras presentadas reflicten como cambiou a sociedade nestas 22 edicións"

Na categoría de debuxo a gañadora foi a alumna do Colexio Fingoi de Lugo Aroa Pernas Carballo, cunha obra na que un rostro feminino dual preside a muralla. En redacción o primeiro premio recaeu en Helena González Rodríguez, do CEIP Álvaro Cunqueiro de Mondoñedo, coa súa historia sobre a vida de Fulvia na antiga Lucus Augusti.

Lara Méndez
"Son capaces de interiorizar e expresar nos seus debuxos a situación actual"

O xurado tamén concedeu cinco accésit en ambas as categorías e un premio a un centro escolar. En debuxo os finalistas foron Sofía Stefanova García, de Franciscanos de Lugo; Kilian Millán de la Vega Freira, de Divina Pastora-Salesianos da capital lucense; David Vargas, de Franciscanos; Paula de la Fuente Filloy, do Divino Mestre de Santiago de Compostela, e Sofía Ramos Ponte, do IES Eusebio da Garda da Coruña. O colexio galardoado foi Santiago Apóstolo de Narón (A Coruña).

Pablo Rivera
"Cada ano vese que o sistema educativo incide máis nuns temas que noutros"

En redacción os finalistas foron Blanca Fernández Jiménez, da Escola Rosalía de Castro de Vigo; Ruth Palmeiro Branco, do Luis Tobío de Viveiro; Celtia Gómez, que concorreu pola súa conta; R.M.L. e Uxía Álvarez Rodríguez, do Divina Pastora-Salesianos de Lugo. Este foi o centro galardoado.

Francisco Fraga
"O debuxo e a redacción teñen que ser importantes en idades temperás"

Os membros do xurado, que estaba integrado pola presidenta do Grupo El Progreso, Blanca García Montenegro; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o delegado territorial da Xunta, Javier Arias; o deputado provincial de promoción económica e social, Pablo Rivera, e o vicerreitor de coordinación do Campus Terra da USC, Francisco Fraga, coincidiron en sinalar que os traballos presentados reflicten como evoluciona a sociedade.