O municipio lucense rexistra unha media de catro roubos con violencia ao mes

As estatísticas oficiais oscilaron pouco no último lustro e a Policía afirma que non hai zonas na capital especialmente conflitivas ► O detido pola brutal agresión en Campo Castelo xa está libre e non pode entrar en Lugo ► Recoñeceu que utilizou a técnica do "mataleón"
photo_camera Detencións o pasado setembro en Campo Castelo tras a brutal agresión a un mozo para roubarlle. XESÚS Ponche
Unha muller de 33 anos morría asasinada o pasado venres na súa casa do municipio coruñés de Oza mans dun delincuente que asaltou a súa propiedade coa intención de cometer un roubo. é, sen dúbida, o peor final para un suceso que non é un feito excepcional. Os roubos con violencia son un dos delitos máis frecuentes e no municipio de Lugo ocupan a terceira posición do catálogo de infraccións penais, tan só por detrás dos furtos e dos roubos con forza en domicilios e establecementos.

Segundo os datos do Ministerio de Interior, no municipio de Lugo rexístranse unha media de catro roubos con violencia ao mes. A falta de pechar o balance do último trimestre, entre xaneiro e setembro do pasado ano contabilizáronse 37 delitos deste tipo. E abrindo o abanico á provincia, a cifra ascende a 47, elevando a media a cinco casos ao mes. As estatísticas oficiais non oscilaron demasiado no último lustro. Así, en 2016 rexistráronse no municipio 67 roubos con violencia, en 2017 os mesmos, en 2018 contabilizáronse 70, e en 2019 baixaron a 57. O ano pasado pecharase cunha cifra lixeiramente inferior, un descenso no que influíron o confinamento e as restricións derivadas da pandemia.

A maior parte dos sucesos rexistrados en Lugo ao longo de 2020 non tiveron consecuencias graves para a integridade física das vítimas, pero xeraron un clima de inseguridade entre a cidadanía. Un dos casos máis violentos rexistrouse en setembro na zona de Campo Castelo e creou alarma social no centro histórico, aínda que a Policía asegura que na capital lucense non hai ningunha zona especialmente conflicitva. Naquel caso, dous homes e unha muller asaltaron a un adolescente de 17 anos en San Pedro e propináronlle unha brutal malleira para arrebatarlle unha cadea e o móbil. Os asaltantes refuxiáronse nun piso de Campo Castelo, onde estaba a noiva dun deles, e levantaron unha barricada con mobles e electrodomésticos para impedir o acceso dos axentes. Finalmente, a Policía Nacional entrou na vivenda e detivo ás catro persoas.

A maioría dos asaltos tiveron consecuencias graves para a integridade física das vítimas, pero xeraron inseguridade

O autor da malleira ingresou en prisión, pero actualmente xa está na rúa. O seu defensa recorreu o auto de prisión provisional ditado por Instrución 1 e a Audiencia acordou a súa liberdade. O Tribunal recoñeceu que o agresor lle causou á vítima a rotura dun incisivo, "mediante puñadas e patadas, e empregando, segundo el mesmo recoñeceu no xulgado, a técnica coñecida como mataleón (que consiste en sorprender á vítima por detrás e pasarlle o brazo polo pescozo para realizarlle un estrangulamento ata facerlle perder o coñecemento), ao que hai que engadir o roubo e a resistencia á actuación policial". Pero aínda así, a sala estimou que se trata dun mozo de 19 anos sen antecedentes e sen recursos económicos, "o cal atenúa a posibilidade de que trate de subtraerse da Xustiza". O mozo fixou a súa residencia en Betanzos e ten prohibido entrar no municipio de Lugo.

Comentarios