Multan a 7 mozos por estar sen máscara nunha festa nun piso de estudantes

A esmorga ata a madrugada ocasionou as queixas de varios veciños 

Unha festa ata o amencer nun piso de estudantes da capital saldouse o domingo con sete mozos denunciados por non levar posta a máscara.

Unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio trasladouse ata un piso da rúa Campos Novos sobre as seis e media da mañá do domingo logo de recibir varias chamadas ao 092, nas que os veciños denunciaban que se estaba celebrando unha ruidosa festa. Os axentes, tal e como sinalou este martes o portavoz da comisaría, acudiron ao inmoble e comprobaron como se escoitaba "ruído de música en ton alto e voces de persoas". Ademais, atoparon unha botella de cervexa dun litro tirada fronte á entrada da vivenda.

Os policías identificaron ao responsable da celebración, un novo estudante, e observaron que no interior do piso había outros sete mozos, "todos eles sen máscara e sen manter a distancia de seguridade, a pesar de que ningún dos participantes era conviviente", comentaron.

Os axentes identifican a todos os mozos e levantaron sete actas de denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia, "xa que a vixente normativa da Consellería indica que nos espazos privados, abertos ou pechados, recoméndase o uso da máscara, no caso de reunións ou de posible confluencia de persoas non convivientes, así como o mantemento da distancia de seguridade interpersoal e a aplicación de medidas de hixiene", recordan.

VIANDANTES. Por outra banda, a Policía Local denunciou a dúas persoas que transitaban por vía pública sen facer un uso correcto da máscara, xa que non lles cubría nin o nariz nin a boca, "subíndoa cando observaba a presenza dos axentes e baixándoa ao ausentarse", sinalaron.