Multado ao intentar arroiar aos veciños cos que pleiteaba por un alprende

O acusado empotrou o seu coche contra a porta, tras a que estaban tres homes, e un deles saíu despedido. Dixo que foi un accidente, pero o xuíz non o creu
Juzgado de lo Penal número 2 de Lugo. GOOGLE MAPS
photo_camera Xulgado do Penal número 1 de Lugo. GOOGLE MAPS
Un home que intentou atropelar aos seus veciños, cos que pleiteaba pola porta dun alpendre, foi xulgado como autor dun delito leve de lesións e condenado a pagar unha multa de 900 euros. Un dos denunciantes acabou co nariz roto e múltiples contusións, pero o xuíz conclúe que as lesións que sufriu "só esixiron para a súa sanidade unha primeira asistencia sanitaria", polo que considera que o delito foi leve e o autor saldou a súa acción cunha pena de multa.

A sentenza considera probado que o 26 de setembro de 2015, sobre as dez da mañá, o acusado subiuse ao seu turismo, un Seat Altea, e acelerou cara ao portal dun alpendre, onde se atopaban o seu veciños -pai e fillo- acompañados dun perito. O condutor, "con desprezo total á integridade física dos tres homes, colleu velocidade e chocou a porta da instalación.

A raíz do impacto, o fillo -que estaba detrás da porta- saíu despedido e caeu ao chan ferido. O mozo sufriu unha fractura dos ósos propios do nariz, así como numerosas erosións e contusións por todo o corpo, polo que tivo que recibir asistencia médica, estivo 19 días de baixa e tardou un mes en recuperarse por completo das lesións. O golpe foi tan violento que o condutor tamén sufriu contusións nas pernas e tivo que acudir a un centro médico.

O fallo explica que existía un preito entre o acusado e os seus veciños pola porta de acceso ao alpendre e que o día do altercado, os denunciantes estaban no lugar cun perito para realizar un informe e posteriormente achegalo ao preito civil.

O xulgado do Penal número 1 de Lugo condenou ao acusado como autor dun delito leve de lesións e doutro delito leve de danos, impóndolle unha multa total de 1.800 euros, 900 por cada un dos delitos. O home recorreu o fallo ante a Audiencia de Lugo alegando que non encaixara o seu coche contra a porta do alpendre de xeito voluntario e intencionado, senón que, tras iniciar a marcha, non se deu conta de que o fillo do seu veciño estaba a abrir a porta e chocou contra a mesma, pero detivo o coche de inmediato. Con todo, o tribunal dá credibilidade á declaración dos denunciantes, e sobre todo á do perito, quen explicou que o acusado se subiu ao coche, estivo a esperar e, cando abriron a porta do alpendre, viunos "perfectamente", e aínda así "acelerou o coche a fondo e empotrouse contra a porta".

Igualmente, practicouse unha proba pericial sobre o incidente e o perito que a realizou concluíu que o condutor fixo unha manobra brusca instantánea e sen tomar ningunha precaución, sendo a traxectoria do vehículo inadecuada e circulando máis próximo ao alpendre, cando dispuña de maior espazo polo lado dereito, polo que pasaría sen maior problema". Ademais, sinalou que circulaba a unha velocidade "disparatada" para ese camiño. A Audiencia confirmou a condena por un delito leve de lesións, pero o absolveu do delito de danos ao consideralo prescrito.