"Ás mulleres castígasenos pola maternidade", di unha despedida

Unha empresa non renovou o contrato a unha empregada cando tiña permiso de lactación. O xulgado declarou o despedimento nulo e a afectada aínda non cobrou salarios de tramitación
La empleada que fue despedida. A. C.
photo_camera A empregada que foi despedida. A. C.

"Non somos realmente conscientes desta discriminación ata que somos nais traballadoras", asegura Estefanía Fernández, que quedou o ano pasado sen traballo cando gozaba dun permiso de lactación materna acumulada. O xulgado do Social número 2 de Lugo declarou nulo o seu despedimento. O seu é un caso flagrante, segundo afirma esta dependenta lucense, de que "ás mulleres castígasenos pola maternidade".

Estefanía Fernández entrou a traballar en xuño de 2017 nunha céntrica tenda de moda, cun contrato temporal por circunstancias da produción. Tiña unha xornada laboral a tempo parcial de 20 horas semanais. Pasado o período de proba de dous meses, renováronlle ata o 13 de xuño de 2018. Incluso lle expuxeron a posibilidade de ampliar a súa xornada laboral. Con todo, segundo conta a afectada, esa oferta quedou no baúl dos recordos cando en setembro lle comunicaba á empresa que estaba embarazada.

"Hai que denunciar para sanar a rabia que sentimos  ante esta discriminación que nubla a felicidade de ser nais", asegura Fernández

En xaneiro do ano pasado daba a luz ao seu fillo. Gozou das 16 semanas de baixa por maternidade que lle correspondían e sumou 40 días naturais polo permiso de lactación materna acumulada que lle recoñeceu a empresa. Esta comunicoulle que se tiña que reincoporar ao seu posto de traballo o 21 de xuño.

Pero onde dixen digo, digo Diego. A empresa deu marcha atrás e, nunha segunda comunicación por escrito, anunciáballe á dependenta que non renovaba a súa relación contractual, que vencía o 13 de xuño. Estefanía Fernández, que buscou asesoramento na central CSIF, presentou unha demanda por despedimento nulo. O xuízo celebrábase o pasado mes de xaneiro. A empresa non se presentou á vista, relata a traballadora despedida.

O xulgado do Social número 2 de Lugo declaraba o despedimento nulo por "fraude de lei" porque se produciu durante o período de lactación e porque ademais "non habían trascurrido os 9 meses desde o nacemento do seu fillo". A empresa tiña que readmitila cun contrato indefinido, pero ela, ante a mala experiencia e como xa atopara outro posto de traballo no que se atopaba a gusto, renunciou.

O pasado mes de xullo o xulgado ditaba un auto para que lle abonase os salarios de tramitación pendentes. Pero Estefanía Fernández aínda non cobrou, a tenda xa pechou e a compañía matriz presentou concurso de acredores onde ten o seu domicilio social, Madrid. Toda esa situación provoca nela desvalimiento.

SENTIDO DE CULPABILIDADE

Esta traballadora considera que as mulleres non denuncian este tipo de casos porque cren que "non teñen dereitos" e porque teñen "a autoestima moi baixa polo trato recibido, que nos fai sentir culpables inxustamente". Fai un chamamento a que se acuda á Xustiza "para sanar a rabia, a impotencia e a inxustiza que sentimos ante esta discriminación que nubla a felicidade de ser nais".

Estefanía Fernández esixe que se cambie a lei que "non multa" ás empresas "nin castiga a reincidencia". Engade que esta discriminación lles sae barata".

Comentarios