Unha prostituta enfróntase en Lugo a seis anos de cárcere por matrimonio ilegal e estafa

O enlace foi anulado por falta "de válido consentimento". O home, cunha enfermidade e "manipulable", estima que lle estafou uns 30.000 euros. A muller, que será xulgada este mércores, nunca conviviu con el
Audiencia Provincial de Lugo. AEP
photo_camera Audiencia Provincial de Lugo. AEP

Unha muller enfróntase a seis anos de cárcere por supostamente estafar un cliente do prostíbulo no que traballaba e contraer matrimonio con el de forma ilegal, por falta "de válido consentimento", segundo o escrito de acusación da Fiscalía. A muller sentará este mércores no banco dos acusados da Audiencia Provincial de Lugo, e o fiscal pide para ela un ano de cárcere polo delito de matrimonio ilegal e outros cinco anos de reclusión polo de estafa.

A Fiscalía asegura que o home, que padece esquizofrenia paranoide, ten unha "intelixencia no límite baixo do normal e un aplanamento afectivo", circunstancias que o facían "manipulable" e limitaban "de forma grave a súa capacidade para prestar consentimento matrimonial".

A acusada, que o coñeceu no prostíbulo no que traballaba, quixo aproveitarse desas circunstancias para "conseguir a legalización da súa estancia en España" e apoderarse dos ingresos da vítima, para o que decidiu "contraer matrimonio" con el, nunha cerimonia oficiada en 2007 en Lugo. Ambos nunca chegaron a convivir, precisa o ministerio público, e aínda que a vítima acudía unha vez por semana ao establecemento onde ela exercía a prostitución, o home "tiña que pagar" como "un cliente" máis as relacións sexuais que mantiña con ela.

A instancias da Fiscalía, o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Becerreá declarou a nulidade xudicial do matrimonio por falta "de válido consentimento", dado que a vítima "se atopaba emocionalmente en absoluta dependencia" da muller e esta simulara o consentimento no seu propio beneficio".

A acusada logrou compartir a conta bancaria co seu marido e logo de solicitar dous créditos por importe de 25.000 euros, quedou co diñeiro e "en gran parte" foi enviado a Brasil. A prexudicado cifra nuns 30.000 euros o diñeiro que chegou a estafarlle, dado que tamén lle entregou outras cantidades que percibía polos ingresos da gandería familiar, as subvencións da Xunta e a súa propia pensión de invalidez.