Un mozo agride a súa avoa e a súa nai e esnaquiza a casa familiar

A Policía Local detívoo tras unha chamada na que unha veciña de Camiño Real alertaba de berros e golpes

Un mozo veciño de Lugo, con iniciais T.C.L, foi detido este mércores despois de que nun arrebato de furia golpease a súa nai e a súa avoa e causase importantes desfeitas na vivenda na que vive a familia.

Foron axentes da Policía Local os que acudiron ao lugar dos feitos, nun piso da rúa Camiño Real, despois de que unha veciña dese a alarma ao escoitar berros de auxilio e fortes golpes procedentes da vivenda na que se atopaba esta familia.

A patrulla chegou ao redor das 15.50 horas deste mércores. Tras acceder ao domicilio, foron informados polas dúas mulleres de que o mozo, de 24 de idade, as ameazara e agredira a ambas, ademais de destrizar mobles e outros aveños domésticos.

Segundo comunicoulles a propia avoa do mozo, non era a primeira vez que sucedía algo así, polo que as dúas mulleres vivían nun estado de medo case permanente a que o mozo sufrise outro dos seus ataques de ira. Fontes policiais informaron ademais de que non era a primeira vez que este mozo se metía en problemas, porque xa foi identificado anteriormente en relación con outras liortas, nalgunha das cales incluso se localizaron armas brancas.

Os axentes procederon á detención do sospeitoso, que foi trasladado ás dependencias da Policía Nacional para tramitar o expediente como suposto autor dun delito de malos tratos no ámbito familiar.