Unha moza acaba ante o xuíz por learse a golpes cun mozo fronte a un pub de Lugo

Discutiron na Praza Fernando de Casas Novoa e a acusada propinoulle golpes, patadas e arañazos, polo que foi condenada

Unha moza acabou rendendo contas ante a Xustiza por learse a golpes cun mozo ás portas dun pub do centro histórico. Foi condenada pagar 120 euros e outros 105 euros de indemnización á vítima.

O altercado tivo lugar o 15 de marzo de 2019, ao redor das cinco da madrugada. Esa noite, o denunciante atopouse coa acusada nas inmediacións dun pub da Praza Fernando de Casas Novoa, en pleno centro histórico de Lugo, e ambos iniciaron unha discusión. Segundo recolle a sentenza, na rifa tamén estivo involucrada unha terceira persoa, “que non foi parte procesual no procedemento”.

No transcurso da disputa, a moza propinoulle ao acusado varios golpes, así como patadas e arañazos. Como consecuencia da agresión, o mozo sufriu lesións que, “de acordo co informe forense, consistiron en feridas abrasivas e arañazos na cara, no colo, na zona do tórax e no costado dereito, que precisaron para a súa curación dunha única asistencia facultativa, sen posterior tratamento”. A vítima tardou un total de sete días en recuperarse.

O ferido denunciou os feitos e o xulgado de Instrución número 3 de Lugo condenou á agresora como autora dun delito leve de lesións do artigo 147.2 do Código Penal , polo que lle impuxo unha pena de multa dun mes de duración cunha cota diaria de catro euros. Ademais, impúxolle a obrigación de indemnizar ao agredido na cantidade de 105 euros polas lesións que lle provocou.

O denunciante recorreu a condena ante á Audiencia Provincial de Lugo, ao entender que a indemnización era escasa en relación ás lesións producidas e que a acusada merecía un reproche penal de maior calado. O tribunal, con todo, confirmou o fallo do xulgado instrutor.