Morre un home de 94 anos que estaba ingresado no Hula con coronavirus

Procedía da residencia de maiores de Outeiro de Rei na que se produciu un contaxio masivo
Pruebas para detectar covid en el Hula. XESÚS PONTE
photo_camera Probas para detectar covid no Hula. XESÚS PONTE

Un nonaxenario que fora diagnosticado de coronavirus e que se atopaba ingresado no hospital Lucus Augusti morreu nas últimas horas no Hula, segundo informou a Consellería de Sanidade na tarde deste mércores. O falecido, de 94 anos, era un dos usuarios da residencia de maiores DomusVi de Outeiro de Rei que contraeu o virus ao rexistrarse un contaxio masivo no xeriátrico, intervido pola Xunta tras a aparición do brote. Coa súa son xa 82 as vidas segadas polo covid-19 na provincia desde o inicio da pandemia.

O Sergas informou tamén doutro deceso, o dunha muller de 79 anos que estaba ingresada no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. Os dous presentaban patoloxías previas.

Así, son xa 723 as persoas que morreron con coronavirus en Galicia durante a crise sanitaria. Os casos activos na comunidade aumentaron en 110, ata situarse este mércores en 4.460 tras detectarse 251 novos positivos e 141 altas.

BALANCE. Segundo os datos debullados ao mediodía polo Servizo Galego de Saúde, a provincia de Lugo conta este mércores cun total de 679 casos activos de coronavirus, oito menos que o martes. Tendo en conta que nas últimas 24 horas curáronse 34 persoas, o saldo de novos contagios detectados sitúase en 26, un máis que o martes, polo que se pode afirmar que a situación na área sanitaria permanece estable.

Si hai cambios no que se refire á presión hospitalaria, dado que o total de ingresados en planta é de 47 persoas, oito menos que o día anterior. Pola súa banda non hai variacións no que se refire á ocupación das Uci.

Comentarios