Miércoles. 26.06.2019 |
El tiempo
Miércoles. 26.06.2019
El tiempo

Morre Jorge Dorribo en Barcelona

Jorge Dorribo, en 2017. SEBAS SENANDE
Jorge Dorribo, en 2017. SEBAS SENANDE

O empresario, fundador de Laboratorios Nupel, atopábase facendo negocios na cidade condal

Jorge Dorribo, o empresario que protagonizou o ascenso máis espectacular e a caída máis estrepitosa de Lugo, faleceu este xoves en Barcelona. As primeiras informacións apuntan a que Dorribo, de 54 anos, non puido superar un infarto que sufriu mentres estaba na cidade condal, ao parecer facendo negocios.

Jorge Dorribo foi o creador de Laboratorios Nupel, unha firma ligada ao sector farmacéutico e a comercialización de medicamentos que en poucos anos a principios dos 2000 converteuse nun xigante que, desde O Ceao, facturaba máis de cen millóns de euros ao ano. Unha choiva de cartos que permitiu a este peculiar personaxe converterse nunha figura da sociedade lucense e galega, chamando a atención por unha vida de luxo e excesos entre iates, avións privados, deportivos e patrocinios deportivos.

Con todo, a empresa resultou ser un xigante cos pés de barro, unha enorme estafa que comezou a destaparse o 24 de maio de 2011, cando a Policía detivo a Jorge Dorribo e a outra decena de persoas, entre socios, colaboradores e cargos políticos, en relación cunha fraude millonaria de subvencións de diñeiro procedente de Europa e xestionado a través do Igape da Xunta. Estalara o caso Campión, nome co que os investigadores bautizaran á operación polo costume do propio Jorge Dorribo de chamar a todo o mundo "campión".

No entanto, o gran petardazo aínda estaba por chegar. Para que a xuíza instrutora, Estela San José, accedese á súa saída de prisión. Dorribo realizou unha declaración explosiva na que acusou de recibir os seus subornos a tres políticos: o deputado autonómico do PP Pablo Cobián; o exconselleiro de Industria da Xunta Fernando Blanco e, de traca final, o entón ministro de Fomento e home forte do PSOE nacional, José Blanco. Tras as investigacións, só Pablo Cobián foi condenado, pero as carreiras políticas dos outros dous quedaron seriamente tocadas.

Polo camiño, Laboratorios Nupel e o seu armazón de empresas entrou en concurso de acredores e comezouse a desvelar o auténtico estado económico do seu imperio: nin fabricaba ningún medicamento nin tiña patentes de valor, simplemente dedicábase a reempaquetar algúns medicamentos e a sacalos ao mercado internacional en lugares conflitivos.

►MÁIS INFORMACIÓN NA EDICIÓN IMPRESA DE EL PROGRESO DESTE VENRES

Morre Jorge Dorribo en Barcelona