A miss políglota de Rábade

A lucense Susana Adkinson Costoya representará á provincia de Lugo no próximo Miss España, que terá lugar o 18 de agosto en Melilla. Fala catro idiomas e é unha gran defensora dos animais

VVIT8286
photo_camera Susana Adkinson Costoya. VICTORIA RODRÍGUEZ

Morena de pel, melena longa e castaña, ollos verdes e unha altura despampanante -nin máis nin menos que 1,80-. Así é Susana Adkinson Costoya, a moza de 18 anos de Rábade que representará á provincia de Lugo no certame de beleza Miss Mundo España 2019.

Adkinson, de pai inglés e nai francesa por esixencias da emigración, estuda o grao de Administración e Dirección de Empresas bilingüe pola universidade da Coruña. Ademais, residiu en Alberta (Canadá), onde cursou primeiro de Bacharelato no Bellerose High School.

Os idiomas son o seu perdición: fala inglés, castelán e galego á perfección. Tamén se defende en francés.

A moza que aspira a gañar Miss España xa sabe o que é desfilar e posar para sesións fotográficas, como a que fixo para Vogue Novias

A súa paixón pola moda e a beleza vénlle desde pequena, aínda que os seus primeiros primeiros pasos remóntanse a 2016. Susana recorda que, cando ía a casa da súa irmá, "sempre vía as revistas de moda para ollar os "outfits" que levaba a xente". Todo o que aprendeu por simple curiosidade e pracer, agora pono en práctica na axencia New Models Galicia. A moza que aspira a gañar Miss España xa sabe o que é desfilar e posar para sesións fotográficas, como a que fixo para Vogue Novias.

Unha mensaxe "inesperada" cambioulle por completo as súas expectativas: acudir a Miss España. Non o rexeitou e o próximo 18 de agosto estará no certame de beleza no auditorio Carvajal de Melilla. Acode coas ideas claras: "Quero seguir rompendo o molde de que as modelos son bobas e non teñen estudos".

Os cambios tamén afectan ao propio certame de beleza, que decidiu renovarse a través de novas probas. "Xa non se realiza o desfile en bikini, senón que se desenvolven outras probas como os debates ou comprobar se sabemos desenvolvernos de face ao público ou nos medios", segundo explica Susana.

A moza lucense deberá realizar dous vídeos: un no que ten que presentar e falar da provincia á que representa e outro, no que ten que presentar un proxecto social. No seu caso, este terá que ver cos animais -de caste vénlle ao galgo, xa que a súa nai é veterinaria-. Aspira a demostrar, xunto á Protectora de Lugo, que "non é certo que determinadas razas de cans son potencialmente perigosas, por exemplo os pitbulls. Tamén me gustaría concienciar á xente de que hai moitos cans nas protectoras que necesitan unha casa, e non fai falta compralos. Non considero que sexan un xoguete".

Durante as próximas semanas, as redes sociais son unha ferramenta fundamental de traballo para as 51 misses que se presentan. Como requisitos non poden "subir continuamente fotos de festas, e si dalgunhas comidas que se fan e de lugares típicos da zona, como a muralla de Lugo". Todo isto co obxectivo de que a xente coñeza quen é esa moza e de onde vén.

Comentarios